Jorquera a El-Rei: “A convivencia non é posíbel se non se respectan os dereitos dos pobos”

Como reacción á carta publicada no sitio web da Casa Real en que o monarca español defendía a “unidade de España”, o candidato do BNG exixiulle que “se absteña de intervir no debate político”. Jorquera retrucoulle que o que pon en risco a convivencia son as políticas de recortes do Partido Popular.

A través dunha carta publicada no sitio web da Casa Real, El-Rei bateu hoxe contra as reivindicacións de soberanía afirmando que “non son bos tempos para escudriñar nas esencias”. Para Juan Carlos I, “o peor que podemos facer é dividir forzas, alentar disensións, perseguir quimeras e afondar feridas”, polo que chamou a recuperar a “unión e a concordia” que --segundo el-- caracterizaron o proceso de cambio de réxime político no estado, na denominada Transición.

El-Rei alíñouse coa posición de PP e o PSOE contra a independencia de Catalunya

Deste xeito o Xefe de estado, refugando da neutralidade institucional que lle exixe a súa responsabilidade, tomou posición no debate xurdido despois da histórica mobilización da Diada en Catalunya. El-Rei alíñouse, de xeito notorio, coa posición defendida polo Partido Popular e o PSOE, ambos os dous contrarios á independencia de Catalunya.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, exixiulle ao monarca que “se absteña de intervir no debate político”. Para Francisco Jorquera son as políticas do PP as que baten contra a convivencia. “O Partido Popular está a levar a sociedade á beira da fractura, ao cargar os custos da crise sobre as clases populares con políticas que só benefician o capital financeiro e a grande banca” sentenciou. O cabeza de cartel do Bloque afirmou tamén que “non é posíbel a convivencia se non se respecta o dereito dos pobos ao seu autogoberno”.

Asemade, Jorquera denunciou que a ofensiva centralizadora contra o autogoberno, que cuestiona as competencias das comunidades autónomas, supón un ataque ás políticas de benestar ao seren estas quen xestionan os servizos públicos básicos “a comezar pola educación e a sanidade”.

Paseo real cun helicóptero de 22,5 millóns de euros

A polémica carta publicouse un día despois de que El-Rei participase nunha presentación de Eurocopter na que pilotou un helicóptero militar NH-90, valorado en 22,5 millóns de euros. O Estado español contratou en 2006, no último goberno Aznar, 45 unidades dese modelo, por un custe total de 1.260 millóns de euros.

ERC, ICV e CiU piden a UE que tome posición sobre a posíbel independencia de Catalunya

A través dunha interpelación á Comisión europea, ERC, ICV e CiU piden que se elabore unha “folla de ruta” coas vistas postas nunha posíbel consulta sobre a independencia. As tres forzas políticas, demandan que a Comisión aclare se “un referendo democrático de autodeterminación” sería conforme co Tratado da UE.

Comentarios