Candidato de Ferrol en Común

Jorge Suárez: "Ferrol debe abandonar o modelo urbano do século XX"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Jorge Suárez é o candidato de Ferrol en Común á Alcaldía da cidade.

O candidato de Ferrol en Común á Alcaldía da cidade (Foto: cedida).
photo_camera O candidato de Ferrol en Común á Alcaldía da cidade. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai desta última lexislatura con Ángel Mato á fronte do Goberno de Ferrol? Como mudou a cidade neste tempo?
Francamente decepcionante, coidamos que se produciu un retroceso ás políticas desarrollistas dos anos noventa, onde as obras faraónicas e cuestionábeis na súa necesariedade, como cinco millóns de euros investidos nunha soa rúa, antepuxéronse á procura desde o público dos investimentos nas persoas, no seu emprego, no seu benestar, a participación, os servizos áxiles e efectivos e a participación, en definitiva, foi un Goberno de elites sen contar coa cidadanía, antítese do que nos propugnamos, o sentimento de pertenza á comunidade.

No entanto, Ferrol en Común sempre estivo para alzar a voz, ben votando a favor os proxectos de interese, como o Plan de Mobilidade, o saneamento do rural ou os únicos orzamentos elevados a pleno, ben reivindicando xunto á cidadanía os seus dereitos, como a apertura do consultorio de Ferrol Vello, un mellor transporte, servizos culturais como os locais de ensaio, dereitos laborais como os traballadores de Parques e Xardíns, etc.

A cidade mudou nunha percepción social de que o Goberno local é unha pequena xestoría, que día si e día tamén, sen ter proxecto de cidade, o PSOE tivo como leitmotiv ter o mellor titular e foto posíbel, conceptuando a vida pública como unha campaña de merchandising social, algo absolutamente repudiábel, que denigra a política e crea unha sensación de escepticismo entre a veciñanza.

O centro da política debe ser o progreso social

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
O primordial obxectivo, o máis urxente, é recuperar o contrato social. Aquel “o pobo é que máis ordena” debe cobrar vixencia novamente, e debemos abrir círculos participativos de codecisión en todos os sectores, estruturados ou non, que queiran adherirse e aportar ideas e proxectos a unha cidade que sempre tivo no seu cerne un sentido arraigado do colectivo. E a política non pode pivotar en torno a catro grandes obras e dous festivais de consumo rápido. O centro da política debe ser o progreso social, desde o colectivo garantir que o individuo mellore as súas condicións de vida.

O primeiro é o emprego digno, sen este factor todo o demais cae, sobre todo o principal lastre para o avance da cidade: a crise demográfica. Neste punto deterémonos máis adiante, en como combater a eterna maldición do monocultivo do sector naval público, para o que temos ideas e propostas concretas, sen acudir a tópicos e fórmulas máxicas xa fracasadas no pasado, como os Plans Zur ou Reindus.

O segundo é un conxunto de medidas para fixar poboación: Ferrol debe abandonar o modelo urbano do século XX, debemos afrontar un profundo proceso de cidade sostíbel, baseado na Axenda 2030 que pase por desenvolver os proxectos iniciados no mandato de Ferrol en Común: Peonalización, zonas verdes e carril bici son unha teima que a curto prazo terían un beneficio social indiscutíbel, para iso requírese aprobar o PXOM, un PEMUS e utilizar os fondos europeos neses obxectivos, en lugar de edificación pública que logo non podemos atender. A vivenda pública, non de obra nova, se non rehabilitando Recimil, un parque público de vivenda municipal que é unha verdadeira oportunidade, pero tamén intervindo nas más de 9000 vivendas baleiras que ten Ferrol, con adquisición, rehabilitación e posta a disposición, o que redundaría nunha dobre vertente: a creación de emprego e fixar poboación.

Cremos imprescindíbel que a cidade que non se ve sexa atendida desde o público

Transporte digno entre Ferrol e A Coruña, cun servizo ferroviario do ano 1913 é imposíbel acceder en condicións de igualdade aos eixos de comunicación cruciais, 70 minutos para percorrer 50 km parece algo irreal para un área tan densamente poboada como Ferrolterra, Eume e Ortegal.  Tendo este marco logrado, o comercio local sen dúbida tería unha oportunidade para reverter a situación de baixos baleiros e tentacións de grandes superficies comerciais no Sánchez Aguilera.

Un aspecto interno, que luce pouco electoralemente, pero imprescindíbel para acometer calquera reforma, é dotar dos recursos humanos suficientes ao concello e implementar uns servizos públicos de calidade. Os problemas de recollida de lixo, bibliotecas, infraestruturas deportivas, saneamento do rural,... son estruturais en Ferrol desde hai décadas, deben regularizarse e darlles estabilidade antes de poder avanzar, e para iso propomos un acordo de cidade neste aspecto a todas as forzas políticas.

Na área de benestar, cremos imprescindíbel que a cidade que non se ve sexa atendida desde o público, vencendo esas estruturas de caridade e acometendo plans sociocomunitarios, nos que a inclusión sexa o obxectivo e a asistencia social sexa unha ferramenta pública de igualdade.

—Ferrol é, segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo, a cidade galega coa maior taxa de paro. A que cre que se debe e cal debe ser o eixo central das políticas de emprego para lograr reverter esa cifra? Tanto Ferrol en particular como a comarca de Ferrolterra en xeral viviron nos últimos tempos un notábel esmorecemento do seu noutrora potente sector industrial. Que alternativas hai para a cidade? Pode ser a eólica mariña unha oportunidade de desenvolvemento?
É evidente que Ferrol é industria, é loita obreira e tamén, por desgraza, é un historial de reconversións fallidas. Debemos recuperar a industria como motor en torno ao que poden recuperarse os outros sectores, complementarios pero imprencidíbeis: turismo, comercio, hostalería,... pero tamén o sector primario, unha fonte de emprego alternativa e contrastada. A pregunta lóxica é como pode axudar o Concello? Porque os grandes discursos e posicionamentos en temas que son de competencia estatal ou autonómica xa están manidos e soan a tópicos que non convencen.

En primeiro lugar, Ferrol vai vivir unha década de impulso coa construción de fragatas, nun deses ciclos nos que debemos aproveitar para vencer o monocultivo. A demanda de mano de obra vaise incrementar notabelmente, para iso debemos darlles oportunidades aos nosos mozos e mozas de forma prioritaria. O concello ten recursos para formar nos diferentes oficios requiridos, xa no mandato de FeC fixéronse cursos de soldadura, pero tamén para actuar de intermediario entre a oferta e a demanda, a través do seu Centro de Emprego.

Por outra banda deben artellarse políticas de retorno, daqueles que na crise do sector tiveron que emigrar, e tratar de converter en permanente o previsíbel fluxo de operarios de outras latitudes, facendo unha cidade amigábel, con políticas de oferta de vivenda pública e bos servizos para o incremento de poboación transitorio que queremos que sexa definitivo. Máis alá da construción de buques a eólica mariña é, ao noso xuízo, unha oportunidade dobre, primeiro pola carga de traballo que supón, á que non debemos renuciar, pero tamén porque casa coa nosa política de respecto polo medio ambiente, na batalla contra a contaminación  e a redución de uso dos combustíbeis fósiles.

Crear unha bolsa de baixos comerciais para a iniciativa de autónomos, facilitar as licencias e permisos, e bonificar certas taxas, son medidas imprescindíbeis para revitalizar zonas que pola baixa densidade de poboación, teñen dificultades para xerar a economía circular, que se adaptaría como unha luva a esta cidade. Ferrol dispón dunha gran cantidade de terras de propiedade municipal. Os modelos contrastados de cooperativismo, que favorecen o emprego, o consumo de produto local, a soberanía alimentaria, requiren dun impulso serio. A interlocución con outras administracións, con independencia do seu signo político é básica, con Autoridade Portuaria, Navantia, Xunta, Estado, e, desde logo coas organizacións sindicais, debendo crearse un espazo conxunto permanente de análise e decisión.

Hai demasiados sectores na cidade que só ven a “nube negra”

—Segundo os últimos datos do INE, a cidade perde cinco habitantes cada tres días. Que propón para dar a volta a esta situación?
Todas as medidas que fun explicando ate agora son cruciais para vencer a crise demográfica, aí está a resposta, nas preguntas anteriores: emprego, cidade habitábel, benestar social,... ás que poderiamos sumar no máis etéreo un pouco de positivismo, hai demasiados sectores na cidade que só ven a “nube negra”, un pouco de amor propio creo que tamén é parte da política, as potencialidades de Ferrol son indiscutíbeis.

—A cidade segue a padecer un profundo atraso no que atinxe ás conexións ferroviarias, en comparanza con outras cidades. Que medidas deben acometerse para mellorar a conectividade de Ferrol, non só no eixo atlántico senón ollando tamén cara ao cantábrico?
Recordo no noso mandato unha entrevista co Ana Pastor, por entón Ministra de Fomento, reclamando a conexión ferroviaria Ferrol A Coruña; alí, na sede do Ministerio, un alto funcionario dixo que non había masa crítica suficiente para construír esa infraestrutura, algo que me pareceu unha mostra de ignorancia é desprezo, que moitas veces van da man. Nós tratamos de aglutinar concellos, deputación, congresistas e senadores da zona, organizacións sindicais e empresariais, fixemos conferencias, irmanamentos co Concello da Coruña con viaxes reivindicativas,... pero o Estado fixo caso omiso. O vento parecía máis favorábel neste ciclo, co PSOE en Ferrol e Madrid pero tampouco.

Eliminar o bypass de Betanzos e mellorar o trazado dalgunhas curvas, é un custo asumíbel, máis que a disparatada proposta de Ángel Mato dun trazado ex novo, e melloraría o servizo en menos de 45 minutos, se ser alta velocidade permitiría competir coa viaxe por estrada e ese debe ser o obxectivo primordial do ciclo 23-27, a cidade está cansada de proxectos e anteproxectos, quere ver esa obra iniciada e aí debemos ser firmes e estar unidos.

Respecto á vía do Cantábrico foi unha decisión de Manuel Fraga illarnos nesa comunicación e así estamos, con poucas frecuencias e demasiadas averías. Dotar de máis trens e actuar como un verdadeiro tren de cercanías para xente do Ortegal, Moeche, San Sadurniño,... é outra débeda sen saldar do Goberno central.

 

—Á marxe do transporte, que outras prioridades ten Ferrol en materia de infraestruturas e de mobilidade?
O transporte urbano ten eivas evidentes no acceso á zona rural. Máis alá do debate público privado, no que nos posicionamos claramente a favor do público, requerimos de solucións prácticas. As municipalizacións, nun marco lexislativo feito a favor das grandes empresas, son procesos longos, que debemos afrontar, pero sendo conscientes de que non son inmediatos.

En tanto non sucedan debe a Xunta poñer máis recursos no transporte, a ecuación é fácil: máis dotación económica, maiores frecuencia. Pero a Xunta do PP mete outro factor que debera estar fóra: a rendibilidade económica, cando claramente os servizos públicos a única rendibilidade que deben ter son a social.

A cidade debe avanzar na cesión de espazos para o peón, rehabilitando a Magdalena, potenciando o uso da bicicleta, creando amplas zonas verde, non fai falta mirar moi lonxe, podemos ver o avance de Lugo nese aspecto, ou Cádiz, con similitudes sociais con Ferrol que soubo reinventarse. Agora mesmo, con Sánchez Aguilera de propiedade municipal temos unha oportunidade de suturar barrios, avanzar na cidade compacta e evitar os pelotazos urbanísticos.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
O primeiro dotando ao cadro de persoal do concello, que fai un traballo inxente, de máis recursos e profesionais: traballadores sociais, psicólogos, educadores... non é de recibo que existan listas de agarda para alguén que non ten teito.

En segundo lugar ofrecendo máis servizos directamente, desde logo que o traballo das entidades sociais é encomiábel, pero non poden suplir a responsabilidade pública do Concello. Os xa mencionados plans sociocomunitarios en barrios como Recimil ou San Pablo, deben servir de revitalización social de zonas degradas, co perigo de estigmatización e sona de guetos.

As persoas maiores que viven soas e outra das nosas preocupacións, o peche dos comedores sociais por Ángel Mato foi un craso erro, xa que eran foros de socialización imprescincíbeis, deben ser abertos novamente.

E a saúde mental, é alarmante o crecemento exponencial dos problemas de saúde mental, desde Ferrol en Común temos desenvolto un Plan de saúde mental municipal coa axuda de profesionais do sector que pretendemos implementar no noso mandato.

Comentarios