No debate sobre a construción de corvetas para Arabia Saudí

Jorge Suárez adopta a mesma posición que o PP e o PSOE: "Somos Ferrol, non a ONU"

Na polémica sobre se se debe vender armas a Riad ou non, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, afirmou esta quinta feira, en conversa cos medios, que está en contra da violación dos dereitos humanos, mais que a súa obriga é estar "ao lado do comité de Navantia defendendo os postos e a carga de traballo".

Jorge Suárez
photo_camera Jorge Suárez

O conflito con Riad a respecto da violación dos dereitos humanos —Arabia Saudí mata civís en Iemen, mais o debate foi a moito máis a raíz do asasinato do xornalista Jamal Khashoggi— debe sustanciarse en instancias internacionais e non na area do municipalismo, veu argumentar Jorge Suárez, quen utilizou razoamentos moi próximos aos que manexan sobre este asunto o Goberno Sánchez e a oposición do Partido Popular.

"Somos Ferrol, non a ONU", dixo Suárez moi graficamente.

O líder de Ferrol en Común manifestouse contrario a "calquera violación [dos dereitos humanos] que produza calquera rexime", mais ao tempo enfatizou que cuestións como un hipotético veto á venda de armas a Riad deben verificarse na ONU, o "organismo onde deben resolverse pola vía diplomática".

Suárez voltou a reclamar máis carga de traballo para os esteleiros e puxo en destaque as "expectativas xeradas" polo contrato das corvetas con Arabia Saudí, operación que chega a Ferrol após un "baleiro de máis de quince anos por falta de impulso" de Navantia. Nese sentido, criticou o PP pola política de "desmantelamento" dos esteleiros que practicou nos seus anos de goberno en Madrid.

Comentarios