Jonathan Martínez: "A represión é un prezo alto a pagar pero é a forma de dar visibilidade a unha inxustiza"

O xornalista e investigador en comunicación comentou, nunha nova sesión do programa Diálogos desde a periferia que organiza a Fundación Galiza Sempre, que a extrema dereita empregou "discursos de ocio, racismo e xenofobia" aproveitando o escándalo para gañar notoriedade.
Un momento da xornada de análise. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un momento da xornada de análise. (Foto: Nós Diario)

O xornalista e investigador na área da Comunicación Jonathan Martínez explicou que malia que "a represión é un precio moi alto a pagar, é a única forma de dar visibilidade a unha inxustiza". Así se manifestou ao respecto dos procesos xudiciais que existen no país contra activistas que exixiron a devolución do pazo de Meirás ou a Casa Cornide ao pobo.

O experto foi o protagonista na xornada "A xustificación mediática da extrema dereita" coa que a Fundación Galiza Sempre -en colaboración coa Deputación da Coruña- retomou a iniciativa Diálogos desde a periferia após o paro polo Nadal. Na sesión telemática, Martínez reflexionou da man de Lucía Veciño sobre a realidade galega e o panorama do fascismo a nivel mundial. 

Nunha pregunta, Veciño expuxo o tema da asunción por parte da sociedade dun goberno por parte dun ex ministro do ditador Franco e da loita por recuperar o patrimonio público que está en mans da familia deste, ante o que Martínez comentou que "temos interiorizado un pensamento de libre mercado na que o votante é un consumidor que ve as opcións como unha máis".

"Así é normal que o fascismo apareza", engadiu, defendendo a labor que se ten feito e se está a facer por recuperar os bens.

Camiño da desaparición?

A nivel global, o investigador dixo confiar en que a extrema dereita camiñe cara unha desaparición ou, cando menos, unha rebaixa da súa repercusión actual. "O caso grego foi paradigmático porque foi exemplo do que estaba por chegar co ascenso de grupos como Amencer Dourado; agora hai un repregue desa corrente e é posíbel que o sistema continúe nese camiño porque a extrema dereita xa tirou partido da situación".

Na súa opinión, nun futuro podería suceder o mesmo no Estado español, aínda que polo de agora "Vox conseguiu que moita xente comezara a sentir orgullo de cousas que antes case daban vergoña".

En calquera caso, na súa intervención aludiu a algunhas das chaves polas que o fascismo -que mesmo deu en chamar "novo comunismo de dereitas porque se articula en base a demandar cousas arredor da grandeza nacional"- acadou posicións tan predominantes no mundo.

"As propostas máis escandalosas teñen máis atención nos medios porque o escándalo vende; por iso vimos discursos de odio, racistas e xenófobos ocupando espazo", resumiu.

No tocante ao asalto do Capitolio nos EUA, o tamén xornalista advertiu de que a xente non pode quedar só coa idea de que Trump forneceu unha plataforma para expresarse "aos desherdados brancos". "É demasiado simplista e evita lembrar que a dereita e a extrema dereita alí están capitaneadas polas elites", remarcou.

Comentarios