Joan Tardá emprega o catalá no Congreso español apelando á sentenza do TSJC

Valéndose da premisa empregada acotío polo PP de que o que "vale en Catalunya, vale para toda España" o deputado de ERC asegurou que se unha soa persoa pode mudar a lingua das aulas, "un deputado pode trocar a de toda a Cámara". O presidente do Congreso expulsou finalmente ao deputado de ERC pola súa intervención. 

O presidente da Cámara, Jesús Posada chamou até en dúas ocasións á orde ao deputado de ERC por intervir na lingua propia de Catalunya. Joan Tardá denunciaba así na Cámara española a sentenza promulgada esta cuarta feira polo Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya que avala as aulas en español cando unha alumna asi o solicitar. 

"A maioría absoluta do PP sempre considerou que o que vale para Catalunya vale para España enteira", afirmaba Tardá na súa quenda de intervención na sesión plenaria que se desenvolve esta quinta feira na carreira de San Jerónimo. "En lóxico paralelismo" continuaba, "entendemos que un só deputado que exixa intervir en catalá, orbiga a trocar de idioma á Cámara enteira". Así pois, procedeu a interpelar ao hemiciclo na lingua propia de Catalunya. 

O deputado de ERC foi chamado á orde polo presidente parlamentar até en dúas ocasións, obrigando a Tardá a mudar ao español --única língua autorizada nas Cortes españolas-- malia a insistencia do de ERC que aseguraba "dame igual, prosegurei en catalán". 

Sabino Cuadra, parlamentar de Amaiur decidiu iniciar a súa quenda de palabra en euskera como mostra de solidariedade co deputado catalán. Jesús Posada advertía ao basco que o "expulsaría da tribuna" de continuar adiante co debate iniciado por Tardá arredor da prohibición de que @s parlamentares da Galiza, Euskal Herria e Països Cataláns se poidan expresar nas linguas de seu no Congreso d@s deputad@s. 

Non é a primeira vez que o representante de ERC, Joan Tardá, emprega nas súas intervencións o catalán. Noutra ocasión e sen máis motivo aparente que reivindicar os dereitos nacionais do seu pobo interviu empregando a lingua propia de Catalunya. Perante as críticas do daquela presidente da Cámara, José Bono, o deputado de ERC respondeu cun "había que intentalo".

Comentarios