O BNG DEMANDA INSERIR GALIZA NO SEU FUSO HORARIO NATURAL

O 'jet lag' galego

Galiza está fóra do seu fuso horario natural de acordo coa posición xeográfica que ocupa o que lle supón o segundo maior desfase do mundo segundo @s expert@s. Só por detrás de China. 

O 'jet lag' é un termo asociado á "descompensación horaria". Un estado anímico vencellado á fatiga que xeran as viaxes, nomeadamente aquelas nas que se produce un cambio de horario. Os fusos horarios veñen determinados pola posición xeográfica que ocupan os territorios en relación cos meridianos, 24 liñas definidas sobre mapa de acordo coa concepción de tempo cronométrico. 

         

(Preme na imaxe para despregar)

Pola súa posición e segundo reflicte o propio mapa que delimita as faixas horarias estándar, a xeo-localización de Galiza --en liña con Irlanda, Portugal ou as Illas Canarias-- sitúaa no GMT-1, isto é unha hora menos da que rexe as nosas vidas actualmente. Porén, unha decisión política adoptada por Madrid obrigou a Galiza a seguir o mesmo horario que o conxunto do territorio estatal (GMT+1), embora non xorresponderse coa hora solar e mesmo supor un importante desfase horario. 

"Unha decisión política adoptada por Madrid obrigou a Galiza a seguir o mesmo horario que o conxunto do territorio estatal (GMT+1)"

Neste senso, no mes de xuño e após mudaren a hora a última fin de semana de marzo, amence por volta das 9:00 a.m e anoitece arredor das 23:30h. De maneira que espertamos aínda de noite e as horas de sol prolónganse máis aló da cea. 

Segundo @s expert@s este desfase horario supón un dos maiores do mundo unicamente superado pola China Popular cuxo extenso territorio partilla o mesmo horario malia existiren diferenzas. 

O Bloque demanda o fuso natural

Desde o BNG e amparándose na realidade solar, demandan através dunha Proposición non de lei rexistrada no Parlamento que se "subsane o desfase" fixando o fuso horario natural de Galiza. Isto é, GTM-1 pois "estamos perdendo cartos", explicou o portavoz do grupo parlamentar nacionalista, ao exixir un maior gasto enerxético a compensación con luz artificial da luz solar. 

A iniciativa insta a Xunta de Galiza a demandar o cambio de fuso no Estado español, unha proposta que xa foi elevada pola propia formación nacionalista o pasado ano obtendo o non por resposta de Madrid. 

Comentarios