Jealsa suma tres multas da Xunta por verteduras desde 2020

A directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, informou de que a conserveira Jealsa acumula tres multas por valor de 14.500 euros por verteduras á ría de Arousa desde 2020. Rosana Pérez (BNG) e Pablo Arangüena (PSdeG) denunciaron a inactitude da Xunta fronte á contaminación.
Jealsa acumula tres multas por verteduras desde 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera Jealsa acumula tres multas por verteduras desde 2020. (Foto: Europa Press)

A directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, informou de que a conserveira Jealsa, con sede en Boiro (O Barbanza), acumula tres sancións da Xunta entre 2020 e 2022, que suman 14.500 euros, debido a verteduras á ría de Arousa.

En decembro de 2020, foi sancionada con 5.000 euros por superar o límite no parámetro de nitróxeno amoniacal nas verteduras. En maio de 2021, recibiu outra multa de 5.000 euros tamén por superar este límite así como en sólidos en suspensión. Finalmente, en febreiro de 2022, a contía da sanción foi 4.500 euros por superar os límites de nitróxeno total e amoniacal nas verteduras

Gutiérrez expuxo esta información onte na Comisión de Pesca, na que a deputada do BNG Rosana Pérez censurou "infinidade de denuncias" da veciñanza da zona sen que a Xunta "tomase cartas".

Denuncias de contaminación por parte da oposición

Pérez denunciou que as actuacións da Xunta con respecto ás verteduras "non se destacan precisamente pola súa dilixencia e moito menos pola súa contundencia" e advertiu "da grande afectación sobre o marisco polas verteduras contaminantes nas rías galegas".

Como exemplo, a deputada do BNG lembrou que “a finais do mes de xaneiro tivo lugar unha nova vertedura na zona do Bodión, onde Jealsa ten as súas instalacións, que provocou, máis unha vez, unha cantidade de marisco morto que se conta por toneladas”.

Pola súa parte, na mesma Comisión, o deputado socialista Pablo Arangüena fixo mención a 28 puntos negros nos primeiros nove meses do ano 2021 na ría de Ferrol e ao estudo da Mancomunidade de Ferrolterra que "non detectou os parasitos nos que se escuda a Xunta para xustificar a caída da produtividade da ría".

Ademais, Arangüena lembrou os episodios de contaminación no río Xubia que provocaron a "mortaldade dun gran número de troitas".

Máis en POLÍTICA
Comentarios