Javier Dorado acusa Galiza Nova de "adoutrinar" o alumnado na folga do ensino

Desde Galiza Nova instan as mocidades do Partido Popular a escoitar "a mensaxe que lanzaron máis de 65.000 persoas nas rúas" do país e cesar "nas súas acusacións".

galizanova
photo_camera [Imaxe: SG]


O deputado do Partido Popular e presidente de Novas Xeracións, Javier Dorado, acusou a través dun comunicado de imprensa a Galiza Nova --organización xuvenil do BNG-- de "adoutrinar ao alumnado" con motivo da folga xeral decorrida no ensino o pasado 28 de outubro.

Para o líder das xuventudes do Partido Popular as "asembleas informativas" desenvolvidas pol@s nacionalistas --"con cartalaría incluída", sinala o popular-- procuraban "converter os espazos para o ensino en lugares nos que difundir o seu ideario" e "facer mitíns políticos". 

Dorado di que Galiza Nova "procura nas aulas" o que "non obtiveron nas urnas"

O líder de Novas Xeracións di que o estudantado foi "coaccionado" e "presionado"

Segundo o representante parlamentar, a presenza de Galiza Nova nos piquetes informativos que se desenvolveron durante a propia xornada de folga visaban "presionar aos que non secundaban" o paro e "coaccionar" @s estudantes que decidiran ir ao centro de ensino. Asemade, Dorado acusa á organización xuvenil de "persuadir" ao estudantado e "procurar nas aulas" o que non obtiveron nas urnas". 

Desde a organización xuvenil do Bloque, o seu secretario xeral, Alberte Mera, denunciou as acusacións lanzadas polo presidente de Novas Xeracións e asegurou que Galiza Nova "desenvolveu unha campaña axitativa" nos centros de ensino do país co obxecto de "difundir a convocatoria de folga" á fin de que "o paro fose un éxito", dixo, "como finalmente foi". 

A organización xuvenil do Bloque di que Javier Dorado busca escusas para non escoitar á mensaxe que lanzou a mocidade contra a LOMCE

Mera lembrou ao Partido Popular que "máis de 65.000 persoas" denunciaron nas rúas a política educativa do Partido Popular, algo que para @s nacionalistas, "lle proe a Javier Dorado".

Galiza Nova ao PP: "A mocidade galega non avala o seu modelo educativo"

"O único que pode facer", insistiu Alberte Mera, face as masivas mobilizacións que percorreron Galiza esta quinta feira "é procurar excusas". Neste senso, o secretario xeral de Galiza Nova convidou ás mocidades do Partido Popular a "escoitar ás mozas e mozos que libremente se manifestaron" e "cesar nas súas acusacións" contra @s nacionalistas. 

Aliás, Mera asegurou que mentres "Javier Dorado asegura que a cidadanía só avala a política educativa do PP" --como indican @s populares no seu comunicado-- "a Xustiza condena o decretazo e a segregación por sexos" promovidos pola Xunta.

"Cren que a maioría absoluta os sitúa por enriba do ben e do mal" mais, denunciou Alberte Mera, "unha ampla maioría da sociedade galega" como "se viu a pasada quinta feira" nas rúas do país, "non avala o seu modelo" e exixe a retirada da LOMCE.

Aliás, insisten @s nacionalistas, "Galiza Nova seguirá informando e axitando á mocidade" aínda que "lle proa ao Partido Popular".

Máis en POLÍTICA
Comentarios