Jácome recorrerá a sentenza que paraliza a expulsión de tres edís de Democracia Ourensá

O aínda alcalde de Ourense non está a favor de que María del Mar Dibuja, Maite Rodríguez e Miguel Caride continúen na formación política. Opina que o auto é “totalmente erróneo”.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O líder de Democracia Ourensá (DO) e alcalde de Ourense cun Goberno en minoría -son tres persoas-, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou hoxe que recorrerá a sentenza xudicial pola que se suspende a expulsión dos edís María del Mar Dibuja, Miguel Caride e Maite Rodríguez do seu partido.

Pérez Jácome os expulsou do partido despois de quitarlles (ou que renunciaran) ás súas competencias dentro do Executivo local, pois puxeron en dúbida o uso dos fondos de DO. En consecuencia, o rexedor botounos do partido aludindo á perda de confianza por parte destes tres concelleiros e doutro que non acudiu ao xulgado de Primeira Instancia.

O acordo da asemblea de Democracia Ourensá foi suspendido “cautelarmente” pero o político non pensa deixar as cousas así por considerar que o auto é “totalmente erróneo”.

Ademais, de manterse esa consideración xudicial Caride podería volver ao seu cargo no Concello e tamén á segunda vicepresidencia da Deputación, da que foi apeado por Baltar pola norma en contra do transfuguismo.

O alcalde da terceira cidade de Ourense en poboación, que segue sumida na inestabilidade política, dixo ante os medios que o resultado o deixou “impresionado” porque a resolución supostamente ten “erros”.

Para Pérez Jácome os presuntos equívocos “afectan a dereitos fundamentais” porque non se da ningunha das dúas causas fundamentais para as medidas cautelares. “Non se pode estabelecer que hai que protexer a unha parte se se prexudica a outra”, criticou.

Sobre as causas, destacou que a primeira sería que os tres edís tivesen algún prexuízo e que para a segunda “ten que haber indicios de que algo se fixo mal e, neste caso, iso non sucede”. “Tanto o secretario da Deputación como o do Concello con senllos informes avalan o que se fixo en Democracia Ourensá”, resumiu, asegurando que en todo caso o proceso aberto non afecta ao Executivo local nin ás súas tarefas.

Ataque ao BNG

Respecto da situación política de Ourense, O BNG lamentou que o resto de partidos chegasen a un acordo para fixar as retribucións salariais e as dedicacións exclusivas pero non “para unha moción de censura”.

No entanto, o rexedor asegurou que “alucina” co discurso “totalmente hipócrita” do Bloque porque “é o partido que máis diñeiro recibe por concelleiro”.

Comentarios