Jácome impide aos edís non adscritos a lectura dun comunicado sobre a moción de censura

As e os catro concelleiros, que antes formaban parte de Democracia Ourensá, decidiron abandonar o pleno pola actitude do rexedor.

Xunta de Goberno do equipo actual de Jácome no salón de plenos de Ourense. Europa Press
photo_camera Xunta de Goberno do equipo actual de Jácome no salón de plenos de Ourense. (Foto: Europa Press)

Coa política municipal aínda feita un lío, hoxe o Concello de Ourense acolleu o primeiro pleno após a sentenza do Tribunal Supremo sobre transfuguismo. Malia que ese non era tema de debate, o encontro entre as distintas forzas foi igualmente tenso e o aínda rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, impediu manifestarse aos edís que antes eran parte no seu equipo.

Catro dos cinco edís críticos de Democracia Ourensá -un deles dimitira do seu cargo antes de que se deixara ver toda a crise de Goberno- acudiron ao pleno como concelleiros non adscritos e intentaron ler un comunicado.

Neste texto conxunto defendían que a terceira cidade do país non pode seguir sen un Executivo municipal forte.

Tamén incidían en que a cidadanía “pide a berros unha solución” e que, polo tanto, “a única moción que se ten que debater é a de censura” ao rexedor.

Porén, non foron quen de chegar a contar todas estas cuestións ante o resto de partidos con representación no salón de plenos debido a que Pérez Jácome lles retirou con urxencia a palabra.

Ante a actitude do que fora o seu compañeiro de partido, decidiron marchar no medio da sesión.

Miguel Caride, un dos catro concelleiros implicados no sucedido, comentou que o feito de que o alcalde non lles deixase terminar "só implica" que lles "ten medo".

Comentarios