O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), pronunciouse hoxe sobre a situación política da cidade, que onte acabou por rachar. Após que o Partido Popular, con Jesús Vázquez á cabeza, anunciara a ruptura do pacto de Goberno falando de "suspensión temporal", o rexedor afirmou que isto é un intento de "golpe de estado".
Desde o seu punto de vista, os populares tiveron que "comprar" a Miguel Caride, o que era o seu número dous e agora líder dos concelleiros críticos co rexedor. Porén, foi el o que comunicou a retirada de todas as competencias como voceiro municipal e concelleiro de Infraestruturas a Caride.
Despois do sucedido, este último augurou na terza feira pouco futuro a Democracia Ourensá como tal.
O alcalde agardou até hoxe para falar tras semanas de acusacións por unha presunta irregularidade na xestión dos fondos públicos da partido. Ante os medios afirmou que é "unha das traizóns máis épicas da política municipal". "Baltar traizooume, pero eu a el non, son un tío leal", insistiu.
Desto tamén fixo responsábel ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aos que acusa de estar detrás de todo. "Esperouse a que pasasen as eleccións" para, di, non poñerlles "en risco".
O rexedor apuntou que comezou a desconfiar cando, recentemente, nunha cea entre Caride e outra persoa de DO, Baltar e Jorge Pumar -o ata o martes tenente de alcalde polo PP- comentáronlle que o ían a "deter" e que por iso debía dimitir inmediatamente.
"Entón están na mesma trama", remarcou. "Cando ceso aos dous concelleiros, os do PP cesan", polo que "estaba todo secuenciado, estaban todos en auténtica coordinación", especulou.