Jácome abre o campo de xogo e especula cunha alcaldía rotatoria co PSdeG

Co PP, si, e co PSdeG por que non? Con esa abertura de mente, Gonzálo Pérez Jácome, o líder de Democracia Ourensá, negocia o futuro, ligados, de concello e deputación. Todo pasa polos seus votos, imprescindíbeis en ambas institucións.

DO voting
photo_camera Jácome vota o 26M

Jácome xoga a partida con dúas barallas. Cunha pactaría co PP: a alcaldía para el, a presidencia da Deputación para Baltar. Noutra acordaría co PSdeG, en función da oferta que trasladou esta terza feira ao candidato socialista Rafael Rodríguez Villarino: alcaldía rotatoria (2 anos para cada un, comezaría o líder de DO) e a corporación provincial para a formación liderada na Galiza por Gonzalo Caballero.

O acordo en teoría máis sinxelo sería o que tecería co PP, porque a combinación co PSdeG require tamén do concurso, imprescindíbel, de Ciudadanos. É unha operación complexa, mais practicábel, desde o momento en que a formación laranxa ten condicionado o seu apoio ao PP ao abandono de Baltar.

En todo caso, a mensaxe que quer transmitir Jácome é clara: non hai fórmula que non o teña a el como clave de bóveda. Rodríguez Villarino, pola súa parte, non quixo avanzar se o PSdeG —cuxo portavoz no Hórreo, Xaquín Fernández Leiceaga, cuestionou a hipótese de a terceira forza política na cidade se facer coa alcaldía—ve con bos ollos a proposta de DO e esclareceu: "Non é cuestión de que eu estea de acordo ou non ou que me guste ou non. É unha decisión que ten que tomar o partido".

E das dúas opcións que podería ter sobre a mesa Jácome, por cal se decanta? Non dá pistas o líder ourensanista: "Non lle vexo máis disposición a uns do que a outros".

Comentarios