Candidato do BNG

Iván Ribas: "Ferrol é unha cidade condicionada polo que se decide en Madrid"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Iván Ribas é o candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol.

Iván Ribas, candidato á Alcaldía de Ferrol polo BNG (Foto: Cedida).
photo_camera Iván Ribas, candidato á Alcaldía de Ferrol polo BNG. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai desta última lexislatura con Ángel Mato á fronte do Goberno de Ferrol? Como mudou a cidade neste tempo?
Penso que en Ferrol temos un elefante na habitación desde hai tempo e o último Goberno do PSOE non fixo máis que, como fixeron os anteriores gobernos durante as últimas dúas décadas, negar a súa existencia.

É unha especie de fuxida cara adiante pero ironicamente buscando as solucións nas receitas do pasado e se algo sabemos por experiencia de Gobernos anteriores é que buscar entre a nostalxia de tempos pasados ás solucións do futuro non nos levará a ningún sitio, non funcionan, porque xa as probamos. Levamos décadas vivindo de propaganda e anuncios electorais que non se materializan.

É urxente contar cunha compensación económica por parte do Estado polo alto nivel de ocupación de terreos na cidade

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Ferrol ten tres retos principais. O primeiro e máis importante é sinalar ao elefante, afirmar o obvio para despois comezar a buscar solucións. Ferrol hoxe é unha cidade condicionada en todos os seus aspectos polo que se decide en Madrid e polo Mº de Defensa sen que haxa un mínimo debate ao respecto. Sabémolo todos e todas, sabemos ademais que condiciona o futuro pero aceptámolo sen máis.

Ferrol está condicionada, tanto economicamente, como urbanisitcamente como socialmente polos intereses de Madrid e do Mº de Defensa e a súa reacción diante das necesidades da cidade é de total indiferenza. Ao tempo, os Alcaldes, habitualmente, normalizan esta relación de submisión e dependencia.

Dependemos economicamente do Mº de Defensa, porque non abona ningún tributo á cidade pese a ocupar máis do 20% do solo urbano, dependemos urbanisticamente porque Ferrol é unha cidade incompleta, divida en dous por un muro que a illa do mar e onde o principal espazo de desenvolvemento urbano é unha operación especulativa na que se propón a construción de 460 vivendas nunha cidade co 27% delas infrautilizadas e un centro comercial de 24.000 m2 e por último, dependemos socialmente porque o principal sector produtivo está dedicado case que en exclusiva á construción de buques militares.

O principal reto é facer visíbel o elefante para despois comezar a actuar. É urxente contar cunha compensación económica por parte do Estado polo alto nivel de ocupación de terreos na cidade, ademais temos que abordar dunha vez a apertura de Ferrol ao mar incorporando algúns dos terreos existentes tras o muro do Arsenal á cidade e por último temos que abordar a construción naval nun senso amplo, non só limitados ao ámbito militar.

O segundo gran reto é recuperar o orgullo de cidade. Ferrol é múltiple e diverso e temos aí grandes potencialidades por poñer en valor. Desde a nosa condición de cidade medieval até a nosa íntima relación coas Irmandades da Fala. Unha cidade que viu medrar a Carvalho Calero e cuxa casa non pode perder un día máis sen ser rehabilitada, para transformala nun lugar de encontro e investigación ao redor da nosa cultura, lingua e historia. Somos parte dun lugar cunha ampla riqueza natural de vales e montes e que xunto a un rico patrimonio de castros e monumentos ocultos constitúen un auténtico museo ao aire libre que cómpre recuperar e valorizar.

Ferrol é o berce do decano dos coros galegos e que con moito esforzo ten chegado até os nosos días para converter Ferrol nun referente da música tradicional. Oportunidades que temos que aproveitar sacando ás rúas toda esta riqueza e buscando a conexión co que acontece na nosa contorna. Unha cidade onde a política cultural sexa algo máis que programar actividades e poñamos en valor a nosa grande capacidade creativa en todos os eidos. Por último o terceiro gran reto consiste en construír unha cidade para a xente.

Temos unha estrutura e dimensión territorial óptima para crear unha cidade sustentábel e saudábel e precisamos poñelo ao servizo das persoas. Para iso temos que apostar pola xestión pública de servizos como a recollida de lixo, o ciclo do auga ou o transporte, deste modo a limpeza de rúas, a recollida do lixo, as reparacións viarias ou os rozas non serán unha preocupación constante e xeraremos emprego mellorando os servizos. Xunto á empresa municipal de transporte que garanta a mobilidade da veciñanza temos que apostar pola creación de grandes zonas verdes que conecten os barrios da cidade e aproveitar potencialidades que levan anos desprezadas, como o feito de contar con 1.000 vivendas de titularidade municipal no corazón da urbe e que nos permitiría definir en parte unha política de vivenda municipal propia e así facer de Ferrol unha concello onde as persoas sexan a prioridade.

—Ferrol é, segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo, a cidade galega coa maior taxa de paro. A que cre que se debe e cal debe ser o eixo central das políticas de emprego para lograr reverter esa cifra?
O máis preocupante xa non é a taxa de paro senón a de actividade, porque dá conta dunha sociedade onde a xente en idade de traballar escapa. É certo que a política local ten unha capacidade limitada respecto das políticas de emprego mais aínda así desde o concello pódese apostar por unha xestión pública dos servizos municipais onde os recursos económicos se destinen a crear postos de traballo de calidade no canto de orientalos a acadar a maior rendibilidade económica posíbel produto dunha xestión privatizada. Ademais a xestión pública é garante dun mellor servizo e adaptado ás necesidades da xente sen ter que recorrer ao intermediario da empresa concesionaria para resolver os posíbeis problemas.

Por outra parte, Ferrol ten que recuperar o seu pulo industrial e para iso á construción naval no senso máis amplo, é dicir, incluíndo o ámbito civil é prioritario. A diversificación industrial virá da man duns estaleiros fortes porque xerará na industria auxiliar necesidades de traballos diversos. Por esta razón compre dotar aos estaleiros do persoal necesario para desenvolverse en todos os ámbitos e preparar os estaleiros para todo tipo de traballos porque non estamos a falar de utopías, os estaleiros italianos ou holandeses acaparan cotas de mercado significativas no ámbito civil aos que os estaleiros da nosa ría podería ter acceso.

É básico crear unha empresa galega de enerxía que aproveite todos estas potencialidades e poña ao servizo do país os recursos enerxéticos

—Tanto Ferrol en particular como a comarca de Ferrolterra en xeral viviron nos últimos tempos un notábel esmorecemento do seu noutrora potente sector industrial. Que alternativas hai para a cidade? Pode ser a eólica mariña unha oportunidade de desenvolvemento?
A eólica mariña tal e como se está a propoñer está pensada para satisfacer os intereses das eléctricas mediante o espolio dos nosos recursos financiándose ademais con fondos públicos procedentes dos Next Generation, por iso hai tanta presa por asegurarse o pedazo da torta.

Temos unha oportunidade no desenvolvemento da eólica mariña porque temos o recurso natural, temos a posibilidade de avanzar no desenvolvemento tecnolóxico co Centro de Investigacións e Servizos, a Universidade e a propia Navantia, que conta cun programa específico para a eólica mariña, e temos as infraestruturas dos estaleiros da ría para poder construír as plataformas flotantes que deberán albergar os aeroxeneradores no futuro, e non só nas nosas costas, e digo no futuro porque esa tecnoloxía non é viábel.

Para isto é básico crear unha empresa galega de enerxía que aproveite todos estas potencialidades e poña ao servizo do país os recursos enerxéticos que se poidan xerar cunha tarifa eléctrica propia e que desenvolva estas instalacións de eólica mariña lonxe da plataforma continental sen afectar aos bancos pesqueiros. Deste modo teriamos na enerxía eólica unha oportunidade de futuro, mais o que se propón actualmente é un espolio dos recursos a costa da flota mariñeira e da gran riqueza biolóxica da nosa costa e sen recibir nada a cambio, un modelo de espolio colonial como foi o dos encoros.

—Segundo os últimos datos do INE, a cidade perde cinco habitantes cada tres días. Que propón para dar a volta a esta situación?
Os dous aspectos que inciden de maneira máis significativa nas situacións de pobreza, e por tanto, na necesidade de abandonar a cidade ou o país, son o emprego e a vivenda.

Respecto do emprego xa temos comentado anteriormente as posibilidades que ten a cidade. Respecto da vivenda hai que ter en conta que o principal problema da vivenda na cidade é o estado de deterioro destas e que non hai política de vivenda sen vivenda pública.

E a realidade é que a porcentaxe de vivenda pública en Galiza (0,92%) está moi por debaixo da media da UE (9%) e moi lonxe de estados como os Países Baixos (30%) ou Austria (24%).

A metade das vivendas construídas no Estado entre 1940 e 2011 foron vivendas de protec-ción. Todas elas perderon o seu carácter público e pasaron ao mercado privado, mais en Fe-rrol temos un pequeno potencial por aproveitar. Contamos con 1.000 vivendas públicas no barrio de Recimil.

Ademais o 27,8%  das vivendas existentes na cidade están infrautilizadas (vivendas que ou ben están baleiras ou teñen un uso secundario por parte dos seus propietarios). Por tanto temos “materia prima” para poder actuar. Cómpre por tanto rehabilitar e recuperar a vivenda infrautilizada, adaptar as 1.000 vivendas públicas existentes ás necesidades funcionais e de habitabiliade actuais das persoas que as poden ocupar procurando a diversidade de ocupan-tes, destinar o 2,5% do orzamento municipal anual á rehabilitación de vivenda e crear unha bolsa municipal de vivenda baleira.

Ferrol podería estar hoxe a menos dunha hora da cidade de A Coruña en tren e con servizos regulares todos os días

—A cidade segue a padecer un profundo atraso no que atinxe ás conexións ferroviarias, en comparanza con outras cidades. Que medidas deben acometerse para mellorar a conectividade de Ferrol, non só no eixo atlántico senón ollando tamén cara ao cantábrico?
Despois da experiencia de tempos pasados penso que para que Ferrol poida incorporarse ao eixo atlántico é inescusábel que conte cun Goberno local que defenda os intereses da cidade e que non este ao servizo dos ditames de Madrid.

O certo é que Ferrol podería estar hoxe a menos dunha hora da cidade de A Coruña en tren e con servizos regulares todos os días se en 2007- 2008 contase cun Goberno local do BNG. Digo isto porque durante eses anos, grazas ao esforzo do BNG no Congreso, consignáronse partidas orzamentarias suficientes para acometer esa modernización das infraestruturas ferroviarias, pero foi o propio Goberno local, naquel momento socialista, quen decidiu gardar nun caixón a proposta e paralizou a súa execución. Isto non é máis que un exemplo porque tras ese goberno local, pasou o PP polo concello con maioría absoluta, ao tempo que gobernaba no Estado e na Xunta e a situación non só continuou igual pese a anuncios e propagandas constantes como o Pacto do Obradoiro de Feixoo, senón que se iniciou a política de troceamento de Renfe para vendela a cachiños e que se no Estado ten como obxectivo a privatización dos servizos ferroviarios aquí significa o seu desmantelamento.

O certo é que non podemos perder máis oportunidades, e cun Goberno municipal do BNG e xunto ao traballo do BNG no Congreso, non só estou convencido de que estariamos en condicións materializar esta débeda histórica en feitos, senón que creo que é a única maneira en que isto pode facerse realidade.

—Á marxe do transporte, que outras prioridades ten Ferrol en materia de infraestruturas e de mobilidade?
A creación dunha empresa municipal de transporte é unha necesidade cada vez máis urxente. Hoxe o servizo está en mans de empresas privadas a través de concesións da Xunta de Galiza que como sinala o TSXG pactan as licitacións e como consecuencia o servizo é cada vez máis precario.

Até o mesmo Parlamento da UE ten que recoñecer que o camiño a transición cara a neutralidade climática afectará de forma desproporcionada aos fogares máis vulnerábeis e admite que xunto á “pobreza enerxética” estanse a dar situacións de “pobreza en mobilidade” produto dos prezos do combustíbel e das suxestivas mensaxes que pretenden que substituamos os coches de combustión por coches eléctricos.

O certo é que nunha cidade como Ferrol desde 2009 incrementouse nun 14,5% a mobilidade en vehículo privado, o que supón máis da metade de todos os desprazamentos. Isto acontece porque non hai alternativa e a xente precisa o coche para ir a traballar ou estudar. Isto implica que nun contexto como o actual cada vez serán máis as persoas que teñan que renunciar a un traballo ou a estudar por carecer de recursos económicos para desprazarse ou por carecer dun coche eléctrico.

A veciñanza leva décadas demandando estas obras que supostamente faría a empresa concesionaria do servizo de depuración e saneamento a cambio da xestión da depuradora

Por iso o transporte público é unha obriga das administracións e é fundamental, sobre todo porque neste proceso de implantación de Zonas de Baixas Emisións debemos ter en conta que os coches eléctricos non se inventaron para salvar ao planeta, senón para salvar á industria automobilística e que tal e como reflexa o estudo do Observatorio da Mobilidade Metropolitana non temos unha especie de querenza atávica cara o coche dado que o seu uso pasa do pasa do 62% de media ao 37% de media si os motivos da viaxe son por estudos e traballo ou son motivos non obrigados.

Outra das necesidades perentorias da cidade é o desenvolvemento do saneamento no rural. A veciñanza leva décadas demandando estas obras que supostamente faría a empresa concesionaria do servizo de depuración e saneamento a cambio da xestión da depuradora. Hoxe despois de 9 anos seguimos agardando pese a que a Xunta e o Concello comprometéronse a asinar un convenio para compartir a súa execución pero que nunca se materializa.

Por outra parte, e co obxecto de acadar o saneamento integral da ría e aproveitar toda a súa riqueza, é fundamental transformar a infraestrutura existente baseada nunha rede unitaria onde se mesturan fecais e pluviais nunha rede separativa para reducir custes e o impacto medioambiental ao ter que depurar moito menos volume de augas.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
A deriva adoptada ao longo da última década de adelgazamento das administracións públicas deixou nunha situación de importante precariedade os servizos municipais, algo que se agrava aínda máis no ámbito dos servizos sociais dado que ao mesmo tempo medraba a demanda desta asistencia pública por parte da veciñanza. Os tempos de espera son interminábeis e as solucións limitadas. Neste senso compre desde o primeiro minuto adoptar unha política de incorporación de persoal contundente e dotar economicamente a estas áreas de recursos materiais para poder atender as crecentes necesidades da xente.

Cómpre un corpo administrativo máis amplo pero hai necesidades de persoal técnico importantes que xunto a recursos materiais como vivendas, axudas para cubrir necesidades básicas como a enerxía ou a atención a persoas maiores mediante o servizo de axuda no fogar de xestión pública poidan paliar situacións de precariedade cada vez máis frecuentes.

Comentarios