IU, preocupada polo voo mediático de Pablo Iglesias como candidato-tertuliano

A coligación de esquerdas presentou un recurso perante a Xunta Eleitoral Central. Este órgao non lle deu a razón: di que a lei ampara a presenza dos candidatos tertulianos nos espazos de opinión, aínda que sexa durante a campaña.

pablo iglesias
photo_camera pablo iglesias

Todos os inquéritos concordan en sinalar que Podemos constitúe unha ameaza para as espectativas eleitoriais de IU ao disputar basicamente o mesmo eleitorado.

Os estrategas eleitorais de IU entenden que Pablo Iglesias, o líder de Podemos, tira vantaxe da súa condición de tertuliano en distintas canles, como La Sexta ou Cuatro, o que deixaría en inferioridade de condicións, durante a campaña, ao seu candidato, Willy Meyer.

Así, IU elevou unha consulta ante a Xunta Eleitoral Central para coñecer se este órgao avalaba ou non a presenza de candidatos-tertulianos nas televisións privadas durante a campaña. O recurso aludía implicitamente a Pablo Iglesias, mas na mesma situación se achan Javier Nart -de Cidadáns- ou o xuíz Elipio Silva -do Movimento Red.

A XEC rexeitou o recurso de IU co argumento de que a lexislación eleitoral non prohíbe a presenza de candidatos-tertulianos durante as campañas. O único que deben facer as canles de televisión privada é, di a XEC, "respeitar os principios de pluralismo político e igualdade, así como a proporcionalidade e neutralidade informativa nos debates, entrevistas eleitorais e información relativa á campaña eleitoral".

Comentarios