IU oferece a Podemos formar "unha alternativa de goberno"

Móvense as pezas no taboleiro da esquerda española. Cos resultados das europeas sobre a mesa, IU oferece a Podemos formar unha "alternativa de goberno".

IU
photo_camera IU

Willy Meyer, eurodeputado eleito de IU, formación coa que concorreu Anova nas eleccións ao Parlamento europeu, compareceu esta segunda feira perante a imprensa para avaliar os resultados eleitorais.

"Hai que formar unha alternativa de Goberno, de Estado e de sociedade", dixo Meyer, quen advogou por unha "confluencia de toda a esquerda política, social e cultural".

O obxectivo sería derrotar o bipartidismo. "O bipartidismo vai tentar nas autonómicas, municipais e xerais confluír nunha grande coligación en España, PP e PSOE, e nós vamos traballar nunha grande coligación coa maioría social que está nestes momentos a ser castigada como nunca antes en democracia".

Contactos de madrugada

Podemos e IU xa tiveron contactos na mesma madrugada da segunda feira. A formación de Pablo Iglesias garantiu os votos dos seus 5 eurodeputados para a candidatura do líder de Syriza á presidencia da Comisión europea. De por parte, IU quer que Podemos se incorpore ao grupo parlamentario da Esquerda Europea na Eurocámara.

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, na mesma noite eleitoral, dixo non se conformar cos resultados e anunciou que abrirían un "período de confluencia con outras forzas políticas".

Comentarios