IU, disposta a ser absorbida por Podemos nas xerais

A unidade popular tal e como a ecuaciona Alberto Garzón podería rematar coa absorción de IU por parte de Podemos. Izquierda Unida estaría disposta a ir nas candidaturas de Podemos sen as súas siglas propias e coa marca de Pablo Iglesias na papeleta.

alberto garzón (foto IU)
photo_camera Garzón atende a imprensa (foto IU)

 

De acordo cunha información publicada esta terza feira por El País e que toma como ponto de partida declaracións de dirixentes como Alberto Garzón e Cayo Lara, Izquierda Unida camiña cara á súa disolución en Podemos, un proceso que viviría o seu primeiro capítulo nas eleccións xerais.

Nas negociacións coa cúpula da formación de Pablo Iglesias, IU aceptaría todas e cada unha das condicións que lles impoñen os podemitas: que as súas siglas non aparezan nas papeletas e as de Podemos si, que o acordo non sexa a escala estatal, senón circunscrición a circunscrición, que non haxa primarias conxuntas e que Alberto Garzón non concorra como candidato por Madrid. A este respeito, esta segunda feira Pablo Iglesias convidábao a ir por Málaga. "Oxalá Alberto Garzón dea o paso e participe nun deses espazos de unidade popular en Málaga ou quen sabe", dixo.

O propio Alberto Garzón, proclamado por IU como o seu candidato á presidencia do Goberno, está disposto a renunciar a esa condición de aspirante á Moncloa.

Como Podemos non quere primarias conxuntas (teme que o peso da afiliación de Izquierda Unida na votación puidese determinar en exceso a formación das candidaturas), o previsíbel é que a formación podemita reserve nas súas listas prazas para xente de IU. Este mecanismo vigoraría tamén para outras forzas que eventualmente aceitasen iren ás xerais co partido morado.

Comentarios