IU debaterá a concorrencia sen as súas siglas nas eleccións xerais

O coordenador xeral da formación, Cayo Lara, e o candidato á presidencia do goberno español, Alberto Garzón, defenderán na Presidencia Federal senllos informes na defensa dunha candidatura de "unidade" nas xerais. 

IU
photo_camera [Imaxe Flickr IU]

Após os resultados das eleccións municipais recollidos polas candidaturas de Izquierda Unida a dirección política da formación liderada por Cayo Lara dará un xiro na súa aposta e defenderá a confluencia nunha listaxe de "unidade" para os comicios ao Congreso español o vindeiro mes de novembro. 

Así o recollen diversos medios de comunicación, como eldiario.es, que citan fontes próximas á equipa de Alberto Garzón, eleito o pasado ano candidato á presidencia do goberno español e unha das voces que máis defenderon nos últimos meses a posibilidade de concorrer aos comicios sen as siglas de IU. 

Porén, Garzón atopou reticencias no seo da formación --a comezar polo propio coordenador xeral, Cayo Lara. 

Os resultados electorais, nomeadamente os obtidos en Madrid e o cisma interno xerado na federación madrileña tornáronse nun dos principais detonantes deste golpe de leme. Así as cousas, non todas as federacións apostan nesta opción. Euskadi, Navarra, Canarias, Entremadura e Castela-A Mancha non concordan coa liña oficial embora non defenderen unha alternativa unitaria. 

As eleccións en Madrid como detonante

Neste senso, na Presidencia federal desta sexta feira (5 de xuño) para alén da leitura dos informes de Lara e Garzón, o máximo órgao de IU iniciará o proceso de expulsión da federación de Madrid (IUCM) cuxa dirección presentou onte a súa demisión en bloque.

IUCM di ter padecido unha "aniquilación desde dentro" que atribúe a Garzón e Centella (PCE)

As razóns desta saída, segundo @s dirixentes madrileñ@s débense ao "fracaso sen precedentes" nas municipais e autonómicas do 24 de maio. Un feito que atribúen, entre outras cuestións, a que "dirixentes federais" pedisen "o voto para outras formacións que non son IU", en relación á candidatura de Ahora Madrid. 

"Nen a Adolfo Suárez cando montou CDS após deixar UCD lle pasou algo semellante", afirmaron. "Pelexamos mais non. Foi unha aniquilación desde dentro", din, da que responsabilizan a Alberto Garzón e ao secretario xeral do PCE, Luis Centella. 

A respeito dunha posíbel confluencia entre IU e Podemos --logo de que o Huffington Post publicase unha información na que se afirmaba unha integración de Izquierda Unida na organización de Pablo Iglesias-- Alberto Garzón desmentíu que esa for a folla de rota através da súa conta de Twitter. "Non ser muleta de ningún partido. Só instrumento da xente", apuntou. 

Comentarios