Un sector de IU propón unha coligación con PSOE e Equo para as europeas, con Garzón como candidato

O líder de Izquierda Abierta, Gaspar Llamazares, propón unha coligación IU-PSOE-Equo para as europeas 2014, con Baltasar Garzón como cabeza de listaxe. Izquierda Abierta é o sector crítico de IU.

O líder de Izquierda Abierta e cabeza visíbel de Izquierda Unida até a chegada de Cayo Lara fixo un chamamento "á esquerda" española para se unir nunha "fronte ampla" que concorra ás eleccións ao Parlamento europeo de Xuño de 2014. Así o anunciou nunha comparecencia de imprensa en que defendeu esta coligación como unha "alternativa críbel" fronte o Partido Popular, coa recuperación do Estado de benestar como programa.

Segundo recollen diversos medios, a proposta de Llamazares aínda non se debateu nos órgaos de dirección de IU.

O líder de Izquierda Aberta propón que a candidatura se conforme a partir dunhas eleccións primarias abertas á cidadanía. Porén, e para ese proceso interno de escolla, Llamazares xa aposta nun candidato para liderar a listaxe: Baltasar Garzón, do que se sente moi próximo, tanto que o deputado asturiano o convidou a comparecer con el na apresentación do seu último ensaio, o "Libro Vermello".

No deseño de Llamazares, as cúpulas de CC OO e UGT estarían tamén chamadas a faceren parte desa fronte ampla de esquerdas.

Comentarios