"É unha irresponsabilidade" convocar eleccións xa, di Caballero

O secretario xeral do PSOE na Galiza pediu a Feijoo que "sente cos alcaldes e alcaldesas" para comprender que "a cidadanía quere prudencia".

EuropaPress_3067138_secretario_xeral_psdeg_gonzalo_caballero_rueda_prensa
photo_camera Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSOE na Galiza (Europa Press)

O secretario xeral do PSOE galego, Gonzalo Caballero, iniciou unha rolda de contactos cos alcaldes socialistas da cidades galegas, cos que asegurou coincidir en que "é unha irresponsabilidade" que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "convoque agora as eleccións galegas".

"É unha irresponsabilidade convocar no medio do proceso de desescalada, poñendo en risco a recuperación e a saúde dos galegos", sostivo Caballero, que instou a Feixoo a "rectificar" no que considera "unha decisión persoal e personalista", que rompe o acordo publicado no Diario Oficial de Galiza e que "non ten aval técnico nin sanitario".

"Que non leve a súa irresponsabilidade ao máximo. Que sente os alcaldes e alcaldesas a falar se quere entender que a cidadanía está moi pendente da saúde e da desescalada, que quere prudencia", engadiu o socialista, que chamou ao presidente da Xunta a "priorizar o dereito á saúde" da poboación sen mesturar "o proceso de desconfinamento co proceso electoral".

Neste sentido, sinalou que os concellos son conscientes da dificultade que se engade agora de convocárense eleccións, e recordou que no mes de marzo acordárase que se volverían convocar "despois do estado de alarma e da urxencia sanitaria" que existe agora.

Galicia en Común e Bloque Nacionalista Galego tamén manifestaron a súa oposición á convocatoria, ao tempo que En Marea se mostrou a favor.  

Comentarios