TERá LUGAR A FINAIS DA SEMANA

IpU e Marea chaman os partidos a un foro político para acordar a candidatura

As coordinadoras de Encontro cidadán por unha Marea Galega e de Iniciativa pola Unión reuníronse na tarde de onte e acordaron emprazar os partidos políticos a asistir a un foro político para avanzar no proceso de cara á constitución dunha candidatura unitaria.

Asemblea de Iniciativa pola Unión
photo_camera Asemblea de Iniciativa pola Unión

As coordinadoras de ambas as plataformas veñen de emitir un comunicado no que informan do acordo de convocar os partidos políticos que “se veñen pronunciando a prol dunha candidatura de unidade” co fin de constituír, de “maneira inmediata”, un “foro político”. Neste foro, sinala a información, acordaranse “os aspectos esenciais que permitan a construción dunha candidatura de unidade popular e artellamento participativo que dea resposta á demanda existente nos sectores transformadores da sociedade galega”.

Ambas as plataformas tamén salientan a “vontade compartida” de ambas as plataformas “de pular por un proceso de construción de unidade popular” co fin de conseguir “unha candidatura galega unitaria”. Apostan en que a configuración da candidatura incorpore “metodoloxías que permitan a participación directa da cidadanía, as Coordinadoras de Encontro Cidadán por unha Marea Galega e de Iniciativa pola Unión”.

A reunión terá lugar entre a vindeira quinta feira e o sábado

Segundo puido coñecer Sermos Galiza, a reunión á que están chamadas as formacións políticas terá lugar entre a vindeira quinta feira e o sábado, en función das posibilidades dos convocados. Están chamados a participar, amais dos partidos políticos “de máis peso”, outras formacións políticas máis minoritarias, co fin de conseguir toda a pluralidade posíbel entre os que traballan por unha candidatura unitaria.

Xosé Luís Rivas, “Mini”: "Os partidos teñen que sentar e tirar conclusións"

Pola súa banda, Xosé Luís Rivas, “Mini”, membro da coordinadora de Iniciativa pola Unión advirte de que se esgotan os prazos, “hai que decidir xa se van unha, dúas ou catro candidaturas, pois a indecisión está entorpecendo calquera outra posibilidade”. “A candidatura unitaria é agora ou nunca”, asevera “Mini”, quen lle asegura a Sermos Galiza que “o asunto está moi maduro”. “Hai un clamor nas bases das plataformas porque todo isto sementou moita ilusión. O país demanda unión, sentido común e políticas que nos saquen da situación que se atopa no país”, afirma o ex alcalde de Boimorto, que insiste en chamar “a engulir as palabras que se dixeron de máis, a xuntarnos nunha mesa para falar do que nos une e a deixar tras a porta o que nos separa”.

"Mini": As relacións entre Iniciativa e o Encontro nunca se enfriaron

Da reunión, o cantautor di que espera “boa vontade e sentido común, que a amizade que nos uniu e nos une prime por riba das liortas políticas, que moitas veces son postureos”. Tan ilustrativo coma sempre, “Mini” apela a “irmos ao baile todos xuntos e que cada un se queixe das súas pernas e articulacións”. “A xente estaba equivocada cando cría que as relacións entre Iniciativa e o Encontro se enfriaran, porque nunca se enfriaron”, subliña “Mini”, quen admite estar ilusionado. “Nesta reunión, os partidos teñen que sentar e teñen que sentir que as bases apretan, que discutan, tiren conclusións e vaiamos cara adiante”.

Quique Costas: “Xa non é tempo de debate, é tempo de acción”

En conversa con Sermos Galiza, Quique Costas, membro da coordinadora do Encontro, amosa a súa “satisfacción” polo acordo de ambas as plataformas para convocar os partidos políticos. Explícanos que tras a votación das bases do Encontro, “falamos da necesidade de traballarmos o máis conxuntamente posíbel para chegar ao obxectivo de configurar unha candidatura de unidade popular”. “Desde ese momento, mantivemos contactos entre as dúas plataformas para constituír conxuntamente un foro no que se puidese traballar de maneira activa na candidatura de unidade”, sinala.

Quique Costas: Hai que saír da reunión con cuestións pechadas e con prazos

O que pretenden ambas as plataformas coa reunión na que participarán os partidos é “acelerar a marcha dos acontecementos, porque xa non é tempo de debate, senón de acción”. Afirma que o “proceso de participación cidadá” vai “requirir de tempo”, un tempo que “non é o dos acordos de coalicións que aos que se chega no último momento”. “Esperamos que a reunión sexa altamente resolutiva”, salienta, “hai que saír con cuestións xa pechadas e para aquelas que non se poidan fechar, hai que marcar prazos concretos”.

Comentarios