IpU di ter a "man tendida" para unha candidatura de unidade mais advirte que non ficarán "parados"

En comparecencia de imprensa a Coordinadora da iniciativa amosouse convencida de que "ten que haber posibilidade" de confluencia "en chave de país".

Quino Vilas
photo_camera [Imaxe Quino Vilas]

"Man tendida e pernas lixeiras", así definiu Xosé Luís Rivas, Mini, a liña de traballo que desenvolverá a eleita Coodinadora de Iniciativa pola Unión após a asemblea decorrida o 27-S en Compostela. 

"Man tendida", dixo, porque achan que "ten que haber posibilidade" para a construción dunha candidatura de unidade perante as eleccións ás Cortes españolas. Porén, "pernas lixeiras" porque "os prazos son os que son" e "son demasiado curtos" de maneira que, advertiron "non imos ficar parados". 

Así as cousas, a coordinadora de IpU entende que aínda "é posíbel" unha "grande candidatura galega", sinalou Paula V.Verao, porén, lembran que esta deberá estar rexida por un principio "sine qua nom" que é o seu carácter "soberano", explicou Suso Díaz. "Facer algo desde aquí e para aquí", acrecentou Xosé Luís Rivas, Mini, en referencia a Galiza. 

Grupos de traballo abertos

En comparecencia de imprensa a nova Coordinadora de Iniciativa pola Unión fíxose pública e avanzou cales serán as liñas de traballo a seguir nos vindeiros días e semanas.  A comezar pola activación dos "grupos de traballo abertos" que deberán facer efectivas as resolucións aprobadas na asemblea do 27-S. 

Neste senso, veñen de habilitar senllos formularios, através da súa páxina web, para que aquelas persoas adheridas á Declaración de Conxo que o desexen se anoten á Comisión de liñas programáticas e Código Ético. O prazo remata o 7 de outubro ás 18h. 

"A nova Coordinadora seguirá pulando pola confluencia con outros espazos e iniciativas sociais para facer posible a conformación dunha única candidatura galega de unidade popular e irá avanzando en propostas de traballo para acadar este obxectivo", sinalan. 
 

Comentarios