ÁS 11H NO PAZ NOGUEIRA

IpU chama todas as forzas a unha reunión este sábado en Compostela

“O primeiro encontro de todos con todos”. Así cualificou Xosé Luís Rivas “Mini” a reunión que convoca Iniciativa pola Unión para este sábado, en Compostela co fin de “queimar o último cartucho” para acadar unha candidatura unitaria galega ás eleccións xerais.

IpU
photo_camera Na rolda de prensa participaron Suso Bermello, Elvira Souto, Xosé Luís Rivas "Mini", e Helena Pérez

A Coordinadora de Iniciativa pola Unión fixo esta mañá un chamado a todas as forzas políticas para asistiren este sábado, ás 11h, ao restaurante Paz Nogueira, co fin de celebrar “o primeiro encontro de todos con todos”, tal e como afirmou en rolda de prensa Xosé Luís Rivas “Mini”. 

Mini: "Hai que queimar a vida na posibilidade de acadar a unión"

O obxectivo pasa por lograr a candidatura de unidade popular “de aquí e para aquí”, salientou “Mini”, que indicou que cómpre “queimar o último cartucho” e “queimar a vida” na posibilidade de acadar a unión. Para isto, avogou en amosar “as cartas limpas e boca arriba”, “queremos ou non queremos facelo? Temos valor para o facer ou non?”, inquiriu.

Pola outra banda, Suso Bermello lembrou que a plataforma segue a ter “a man tendida” a formacións políticas e colectivos que queiran sumarse e deu conta dos pasos que segue IpU para a configuración da candidatura. Así, advertiu de que “os prazos axustados” levaron a IpU a “poñer a maquinaria a funcionar”. Salientou que o regulamento de participación das primarias foi elaborado por consenso e elaborouse da maneira “máis ampla posíbel, para servir a un proceso de confluencia na que todo o mundo se sinta cómodo”.

O sistema de primarias "busca garantir a maior participación posíbel, que as maiorías non dilapiden as minorías”

En relación á elección dos candidatos e candidatas nas eleccións primarias, que terán lugar o 8 de novembro, afirmou que o sistema “busca garantir a maior participación posíbel, que as maiorías non dilapiden as minorías”. Deste xeito, explicou que poderán concorrer ás primarias todas aquelas as persoas que así o desexen. Para se postularen como número un, estas persoas terán que reunir 25 avais e para formar parte da candidatura no resto dos postos terán que reunir 10 avais. “Reunir estes avais nun proceso no que están inscritas máis de 3.500 persoas é bastante sinxelo”, apuntou. A Coordinadora fará públicas as persoas que concorren ás votacións primarias o día 2 de novembro.
 

Comentarios