Investigan por prevaricación a candidata do PP á Alcaldía de Santa Comba na moción de censura deste 15 de xuño

A operación en marcha do PP para recuperar o bastón de mando en Santa Comba pode verse frustrada após a investigación xudicial aberta contra a súa candidata e da que informa Nós Diario en exclusiva. 

A popular María Pose, na toma de posesión da acta de edila após as últimas eleccións municipais.
photo_camera A popular María Pose, na toma de posesión da acta de edila após as últimas eleccións municipais (Foto: Nós Diario)

​O xulgado de instrución número 1 de Negreira vén de abrir dilixencias previas por un delito de prevaricación contra María José Pose Rodríguez, candidata do PP á Alcaldía de Santa Comba na moción de censura que se debaterá no pleno municipal de 15 de xuño contra o actual rexedor, David Barbeira (Compromiso por Galicia) e que previsibelmente sairá adiante co apoio de dous dos seis edís que ten o PSdeG. 

As actuacións xudiciais iniciáronse a partir da denuncia en que se acusa o Concello de Santa Comba, por medio da súa anterior alcaldesa, a popular María José Pose por dar un trato de favor á directiva da comunidade de usuarios de Augas de Grixoa.

Os denunciantes poñen de relevo a amizade persoal da popular con membros da directiva desa comunidade de usuarios e relatan que Pose, como alcaldesa, acudiu en abril de 2018 a unha reunión á parroquia de Grixoa onde se comprometeu a asfaltar a contorna da igrexa antes das festas do Espírito Santo, que se celebran a finais de maio, o que os denunciantes entenden como unha especie de favor ás súas amizades. As obras, din, executáronse en maio de 2018 mais non foron licitadas e adxudicadas até sete meses despois.

Anteriormente, en 2017 a comunidade de usuarios de Augas de Grixoa aprobara parte dunhas obras de canalización a executar por unha empresa privada. As obras, din, comezaron de maneira inmediata sen ningún tipo de licenza ou comunicación, feito que foi denunciado xa daquela por unha ducia de veciñas e veciños de Grixoa. Non se opuñan ás obras, mais si a que fosen executadas á marxe da lei e con "presuntas irregularidades por parte da directiva" de Augas de Grixoa.

O xulgado entende que estas actuacións presentan características que fan presumir a posíbel existencia dun delito de prevaricación

Días despois presentouse comunicación previa das obras e, pola súa banda, o Concello informou de que non se podían iniciar xa que a documentación estaba incompleta. Porén, as actuacións xa se estaban a realizar e o Concello non as paralizou. 

Posteriormente a comunidade de usuarios ampliou de 3.000 a 23.000 metros o alcance das obras. Finalmente, xa en marzo de 2018 o Concello concedeu a licenza. Os denunciantes sinalan tamén que mesmo persoal do Concello traballou nas obras de canalización, e todo a pesar de ser unha obra privada. 

O xulgado entende que estas actuacións presentan características que fan presumir a posíbel existencia dun delito de prevaricación administrativa, polo que o pasado 2 de xuño acordou incoar Dilixencias Previas.

Aliás, requírese ao Concello que presente copia dos expedientes en que se tramitaron as licenzas obxecto da denuncia, concedidas á Augas de Grixoa para a canalización de augas desde mananciais Braña da Urceiras. Tamén require a Augas da Galiza que remitan a autorización concedida á comunidade de usuarios de Grixoa. 

Como as obras se prolongaron nos tempos, os denunciantes prevén que a causa tamén se estenda contra o polo de agora rexedor municipal, David Barbeira. 

Pose nega que se producisen ilegalidades

Nós Diario púxose en contacto con María Pose para coñecer a súa posición. “Non hai nada definitivo e nin me chamaron a declarar porque o xuíz non ve caso claro", dixo.

Preguntada pola súa condición de investigada, afirma que "figuramos como imputados calquera alcalde que estea nun proceso aberto e haxa alguén que denuncia sen razón. É un proceso onde están todos os informes favorábeis e non hai ningunha ilegalidade", subliña.

Comentarios