Para os comicios seren o 18D

Podemos e Cs alfombran o camiño ás terceiras eleccións ao aderiren a proposta de reforma eleitoral do PSOE

Primeiro aviso, e serio, de Cs ao PP de que non conte tan seguro cos seus votos, aceno probabelmente dirixido a encarecer o prezo político para os conservadores do apoio dos de Rivera á investidura de Rajoy.

rivera-rajoy
photo_camera Rivera e Rajoy, na Moncloa

Ciudadanos expresou esta quinta feira o seu apoio á iniciativa do PSOE de reformar por vía de urxencia o artigo 51 da lei eleitoral de xeito que nunhas eventuais terceiras eleccións se puidese acortar nunha semana a campaña eleitoral para evitar que a xornada das votacións fose o día de natal, o 25D. Destarte, as urnas abriríanse unha semana antes, o 18 de decembro.

Deste xeito, Cs deixa só a un PP que organizara a sesión de investidura para os días 30 e 31 de agosto visando presionar politicamente o PSOE coa ameaza de realización da xornada de votación nun día tan extemporáneo como o 25D: de non investir Rajoy, Sánchez sería acusado non só de forzar as terceiras eleccións, senón de as forzar no día de natal.

Cs deu un ultimato ao PP ao pór o límite de 48 horas para a conclusión das negociacións

Co apoio de Cs e de Podemos, a proposición de lei do PSOE ten garantido o seu apoio. Está por ver en que sentido afectará isto as negociacións en curso entre o partido de Rivera e o de Rajoy para o apoio ao candidato conservador na investidura. Esta quinta feira, Cs deu un ultimato ao PP ao pór o límite de 48 horas para a conclusión das conversas, atrancadas neste momento pola oposición do partido maioritario na Cámara a asumir a supresión das Deputacións, a reforma do Senado e a obriga de todos os partidos políticos a teren nas primarias o método de elección dos seus cargos internos.

Pasar o que pasar nesta negociación, o que é evidente é que Rajoy non disporá dos votos necesarios -maioría absoluta- para obter a investidura na primeira votación, prevista para o serán da próxima cuarta feira. Como non irá obter os 176 votos precisos, o candidato conservador deberá agardar até a sexta feira 2 de Setembro. Daquela élle abondo con ter máis votos afirmativos que negativos. Mais até iso non o ten garantido: precisa no mínimo a abstención dalgúns deputados do PSOE para obter a confianza da Cámara.

Os dirixentes do PP, aliás, dan por amortizada esta primeira sesión de investidura. Estiman que o PSOE non se moverá do NON até despois das eleccións galega e vasca. A equipa de Sánchez afima por activa e por pasiva que despois, tampouco.

Comentarios