Interrompen un acto de Feixoo en Oviedo: "A actitude que está a ter agora mesmo é a peor"

Unha pequena parte da militancia do Partido Popular non viu con bos ollos o papel xogado por Feixoo durante a crise interna que rematou coa presidencia de Pablo Casado á fronte dos populares.
Acto do candidato á presidencia estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto do candidato á presidencia estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Nós Diario)

O acto político que nesta quinta feira protagonizou en Oviedo o candidato a liderar o Partido Popular (PP) e aínda presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feixoo, foi interrompido durante algo máis dun minuto por un asistente ao acto que lle reprochou publicamente a súa actitude e defendeu o aínda presidente do partido, Pablo Casado.

Feixoo levaba media hora de intervención, e no momento de ser interrompido falaba sobre política enerxética. Nese momento, un asistente chamou a súa atención gritando dúas veces o seu nome. Feixoo, que quería saber o que quería, respondeulle "dime", sinalándoo.

Nese momento, o home, que estaba na parte alta do teatro, dixo o seguinte: "A actitude que está a ter agora mesmo ao vir aquí a dar este discurso é a peor despois de todo o que fixo Pablo Casado por este partido".

Unha pequena parte da militancia do Partido Popular non viu con bos ollos o papel xogado por Feixoo durante a crise interna que rematou coa presidencia de Pablo Casado á fronte dos populares.

Silencio de Feixoo

Feixoo non contestou e só bebeu auga. Porén, o público asistente ao acto si apupou o espontáneo con berros de "fóra, fóra". O aínda presidente da Xunta pediu serenidade aos asistentes e que ignorasen o sucedido. 

"Somos un partido democrático e imos seguir", engadiu. Entre o público escoitáronse cánticos a favor de Feixoo: "¡Presidente, presidente!". Namentres, a organización encargouse de identificar e expulsar o home que interrompera o acto, que continuou até o final sen maiores incidentes.

Segundo fontes próximas ao PP consultadas por Europa Press, quen o interrompeu foi un mozo cuxa intención non era insultar a Feixoo, senón reivindicar a Casado, e que xa se arrepentira.

Comentarios