Os interrogantes pairan sobre a sociedade Impulsa dous anos após a súa creación

En maio faranse dous anos da constitución de Impulsa, a sociedade público-privada impulsada pola Xunta da Galiza coa finalidade de captar investimentos coa vista posta nos Next Generation. Dos seus resultados e logros, indican desde a oposición, "pouco se sabe". Un tema, ademais, que gaña en importancia após o anuncio do Goberno galego de querer impulsar outra sociedade público-privada, desta volta para a enerxía renovábel.
De costas, Feixoo, presentando a candidatura galega ao programa Next Generation. (Foto: Xunta da Galiza) #feixoo #nextgeneration #fondos #europa #recuperación #pandemia
photo_camera De costas, Feixoo, presentando a candidatura galega ao programa Next Generation. (Foto: Xunta da Galiza) #feixoo #nextgeneration #fondos #europa #recuperación #pandemia

O 3 de maio de 2021 o Goberno galego constituíu a sociedade Impulsa cun capital fundacional de 5 millóns de euros, no que a participación correspondía en 40 % á Xunta da Galiza, 38 % a Abanca, 12 % a Reganosa e 10 % a Sogama, tendo a encomenda de “dinamizar e ampliar o Polo para a Transformación da Galiza, no marco da candidatura aos fondos Next Generation" e para ser "xeradora de riqueza na súa contorna e aglutinadora dos intereses de pequenas e medianas empresas, así como de grandes compañías". Porén, esa pequena e mediana empresa citada non ten presenza na sociedade Impulsa.

Dous anos despois, as interrogantes sobre a efectividade de Impulsa e mesmo sobre o seu proceder continúan abertas. Preguntas que, ao longo destes dous anos, adquiriron forma de interpelacións e proposicións por parte do BNG e do PSdeG na Cámara galega. Hoxe volven ao Parlamento a través dunha pregunta da formación socialista.

Proposta inicial

A proposta inicial da Xunta para captar parte destes fondos europeos foi de 354 proxectos cos que pretendían mobilizar ao redor de 20.000 millóns de euros. Mais a finais de 2022, indica o PSdeG, só había cinco proxectos —"os mesmos que seis meses antes"— sobre os que Impulsa achegaba información. Entre eles, os xa coñecidos de Altri para unha factoría de viscosa en Palas de Reis ou o da xeración de hidróxeno verde que impulsa Reganosa e EDP.

"Que tipo de controis xurídicos e económico-financeiros existen sobre os recursos públicos asignados a esta entidade [Impulsa]? Con que garantías e a través de que procesos se está a seleccionar o persoal directivo da entidade, así como a xestión dos recursos internos desta?", pregunta o PSdeG.

Operadores

Tamén queren que desde a Xunta respondan sobre como se están a seleccionar os "líderes-operadores" privados dos diferentes proxectos e con que garantías de transparencia, con que criterios e salvagardas de publicidade, concorrencia e participación cidadá. Nese sentido cuestionan que a Xunta considere a mellor forma para seleccionar proxectos de tal envergadura, que condicionan de forma relevante o futuro das novas xeracións, a través dun proceso "sen publicidade, transparencia nin criterios obxectivos explicitados".

Tamén na Cámara galega, o deputado do BNG Ramón Fernández xa advertía de que a sociedade Impulsa era “un misterio” e lamentaba a falta de proxectos na mesma para "outros sectores estratéxicos da Galiza como o naval, o agrogandeiro, o de almacenaxe de enerxía ou o de lingua".

En Impulsa a participación pública é minoritaria. Algo que non se desbota que poida darse tamén na nova sociedade mixta público-privada para as enerxías renovábeis.

Comentarios