Sesión de control ao Goberno

Interpelado pola oposición, Feixoo elude condenar as afirmacións machistas de Casado

Non estivo cómodo Feixoo na sesión de control previa ao 8M. Apenas puido utilizar o seu argumentario de cabeceira, o seu retrouso de que todo tempo pasado (ou sexa, o bipartito), foi peor. Atacado con distinto grao de dureza por Pontón, Villares e Leiceaga, non foi quen de se desmarcar da fervenza de manifestacións machistas proferidas nos últimos días polo seu xefe político estatal, Pablo Casado.

 

Captura de pantalla (36)
photo_camera Un momento do pleno

Presionado pola alza de Vox nos inquéritos, Casado prodigou nos últimos tempos declaracións de inequívoco carimbo machista. "É bon que as mulleres embarazadas saiban o que levan dentro", dixo no seu ataque á lei de prazos do aborto, unha norma que xulga como responsábel do "inverno demográfico" polo que estaría a atravesar o estado español. E nunha recente entrevista en TVE referiuse aos maltratadores como "esas persoas que non se están a portar ben coas mulleres".

Até tres oportunidades —após as intervencións de Pontón, Villares e Leiceaga— tivo Feixoo de se desmarcar desas palabras de Casado e as tres foron desaproveitadas, se ben nunha pasaxe da resposta á portavoz nacional do BNG, sen aludir en ningún momento ao líder estatal do PP, deslizou que considera que os maltratadores son "terroristas machistas".

Na súa quenda, Pontón cargou contra o presidente da Xunta por aderir o "discurso involucionista de Casado". "Non me sorprende se temos en conta o balance do PP en materia de igualdade", dixo, para a seguir relatar que con Feixoo en Monte Pío se incumpriran os mandatos da lei de violencia de xénero e se suprimira o Servizo Galego de Igualdade.

"O que pactou o PP con Vox en Andalucía xa o cumpre vostede aquí", espetoulle Pontón a Feixoo, ao tempo que para caracterizar a política do PP en materia de igualdade lembrou que no seu momento o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza cualificou de "abusivos" e "maliciosos" os servizos mínimos decretados pola Xunta durante a folga feminista do pasado 8 de marzo.

"As políticas de igualdade [do seu goberno], son fume, fume de contrabando", afirmou no pórtico da súa intervención Luís Villares. Acto seguido, o portavoz de En Marea botou en cara ao presidente da Xunta que a sede do PP en Cambados está a nome de Vicente Otero Pérez, Terito, un dos capos históricos do tráfico ilegal de tabaco. Villares levou ao pleno unha copia do rexistro da propiedade. Como era previsíbel, Feixoo deu a calada por resposta.

"Detrás do fume só hai recortes en materia de políticas de igualdade", acrecentou Villares, para quen a "promiscuidade" de Feixoo con Vox o está a levar "a dar pasos atrás na aplicación da Lei contra a Violencia de Xénero". "Pídolle que rectifique. Aínda está a tempo".

Réplica de Feixoo

Nin un paso atrás. Esa palabra de orde guía os pasos de Feixoo e esta sesión de control non foi unha excepción.

Na súa réplica á oposición, contra-argumentou que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza só considerara abusivos os servizos mínimos decretados en 5 dos 120 departamentos da Administración galega. "O 96 por cento dos servizos mínimos foron tidos como correctos [polo TSXG]", apostilou.

O balanzo do bipartito en políticas de igualdade é cero, veu dicir. El si tería unha xestión da que se gabar: "neste momento hai 480 mil mulleres cotizando á seguridade social no país" e "a taxa de paro feminina é 3,5 pontos máis baixa na Galiza do que no estado". "Quedan moitas cousas por facer, mais estamos avanzando de forma adecuada", alegou.

Sobre a greve do 8M, dixo respectala e foi alén diso ao avanzar que "moitos militantes do PP" participarán nos paros e concentracións que se convoquen ese día. "De que se nos acusa? Por que temos que pedir perdón? A maioría das galegas votan o PPdeG", defendeuse.

Demografía como principal problema estrutural de Galiza

"En 2008 naceron na Galiza 23.175 crianzas. En 2018, por volta de 17 mil. Un 25 por cento menos. Este asunto vostede considerouno como estratéxico desde o inicio do seu mandato. Este é un asunto central e é un dos seus maiores fracasos". Así entrou en materia Xoaquín Fernández Leiceaga, quen dedicou a súa pergunta ao balanzo da Xunta en materia demográfica.

"A solución non pasa por restrinxir os dereitos das mulleres", dixo Leiceaga en alusión ás palabras de Casado. "A solución non pasa por unha ideoloxía retrógrada sen sustento empírico", engadiu.

"Queremos que sexa valente e que condene [as palabras de Casado]. A natalidade imposta non é a solución", remachou o portavoz do PSdeG.

Na súa resposta, Feixoo esquivou toda referencia ao discurso do seu xefe político estatal e levou a cuestión a un dos seus territorios favoritos, a guerra de cifras. Se Leiceaga lle perguntaba polo descenso nos nacimentos, Feixoo contestoulle co leve crecimento no índice de fecundidade. "En 1998 estaba situado en 0,92 fillos. En 2017, en 1,12", alegou. "Hoxe as mulleres que poden ter fillos están tendo máis fillos que nos últimos 20 anos", concluíu.

Comentarios