BNG, fronte a "degradación da democracia"

O BNG reuniu hoxe a súa comisión interparlamentaria. A formación frontista impulsará medidas na Galiza, Madrid e Bruxelas para "denunciar a degradación da democracia" que, ao seu xuízo, supoñen a reforma electoral e a Lei de Seguridade cidadá. Aliás, exixirá coa súa folla de rota "paralizar a "venda acelerada" de NGB e reclamará autonomía comercial e estratéxica para Navantia-Fene face a asunción de responsabilidades da Xunta de Galiza. 

Interparlamentar BNG
photo_camera Interparlamentar BNG

O Bloque Nacionalista Galego reuniu esta sexta feira as e os seus representantes nos Parlamentos galego, español e europeo. O portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, avanzou a "folla de rota" que desenvolverán nas vindeiras semanas. 

Acompañado polas portavocías do BNG no Pazo do Hórreo, Francisco Jorquera, o Congreso español, Olaia Fernández Davila e a Eurocámara, Ana Miranda, o líder nacionalista salientou "a degradación da calidade democrática" que resultaría das novas medidas que prepara o PP e que, segundo a formación frentista, irán supor "unha mordaza sistemática ás reinvindicacións da cidadanía". 

Unha "estratexia de desprestixio" do Parlamento para retallar escanos
Neste senso, asegurou Vence, a formación frentista presentará "iniciativas parlamentares a prol dos dereitos da cidadanía" quer na Galiza quer en Madrid. E é que para @s nacionalistas a reforma electoral que prevé presentar nas vindeiras semanas o Partido Popular e a Lei de Seguridade cidadá anunciada por Mariano Rajoy constitúen "unha estratexia do PP" para "reducir os dereitos" e "degradar a vida das institucións". 

Unha estratexia que para Xavier Vence se combina coa "mordaza permanente no Parlamento" galego coa que "tenta encubrirse" e "despistar a cidadanía" a respeito dos "debates importantes". Desde o BNG amósanse refractari@s á redución do número de parlamentares que podería aprobarse no primeiro trimestre de 2014. Cuestión coa que, din, non colaborarán pois só procura, alertou o voceiro nacional do Bloque, "amarrar maiorías electorais" aproveitando "a estratexia de desprestixio" na Cámara. 

A organización frontista ve na reforma electoral unha "degradación" da democracia e na Lei de Seguridade cidadá o reforzo á "represión das FSE"

Así mesmo, Xavier Vence, denunciou a nova Lei de Seguridade cidadá que o goberno español aprobará a vindeira semana en Consello de Ministr@s. Segundo o voceiro nacional do Bloque, a norma procura "cercenar a liberdade de expresión" dos movementos sociais e "reforzar a capacidade de represión das Forzas de Seguridade do Estado". Neste senso, avanzou que as deputadas do Bloque en Madrid denunciarán esta reforma legal e defenderán a través de iniciativas lexislativas "os dereitos civís" e as "conquistas" da loita cidadá que o Partido Popular quer recortar. 

Tamén así, Xavier Vence criticou "con total clareza" a "venda acelerada" de NGB mesmo indo máis alá do acordo adoptado coas institucións económicas europeas que fixan o 2017 como data límite para a súa recuperación. A través da folla de rota que Xavier Vence avanzou a comezos desta semana, o BNG procurará frear a venda da única entidade financeira galega que será submetida a poxa nas vindeiras semanas. Para o Bloque, esta operación responde aos intereses económico-financeiros de Madrid e procura contribuír ao "proceso de concentración" do capital financeiro español. 

Autonomía para Navantia-Fene
En relación coa crise do sector naval, Xavier Vence responsabilizou á "deixazón" e "propaganda" do goberno galego da "parálise case total do sector" por volta xa de 6 anos. @s nacionalistas denunciaron que o presidente da Xunta non dese aplicación até o momento á Lei naval que permite ao executivo galego "reclamar representación directa no Consello de administración de Navantia". Unha medida que permitiría á Xunta defender de primeira man os intereses dos estaleiros galegos, apuntou Vence. 

O Bloque exixe a Feijóo a reclamar un posto directo no Consello de administración de Navantia como fixa a Lei naval

Neste senso, o BNG coida que "a Xunta ten de asumir as súas responsabilidades exercendo a competencia que lle dá esta lei" en troca de "botar balóns fóra" apuntando como único responsábel á dirección de Navantia. 

@s nacionalistas amosáronse "preocupados" polo plan de re-estruturación de Navantia que "ameaza con levar por diante os centros de produción" da Galiza e exixiu que a Xunta e o Goberno español se presenten en Bruxelas para demandar o levantamento do veto á construción naval civil. Aliás, defenderon a creación dunha "dirección estratéxica e comercial propia" para Navantia-Fene como solución á falta de carga de traballo. Unha medida, din, que permitiría procurar contratos sen estar "a merced de Madrid". 

 

Comentarios