Interior terá que responder polos atestados policiais contra tres militantes do BNG na protesta contra Merkel

O BNG pregunta no Congreso ao Ministerio polas “incongruencias” dos informes e critica que Interior “se limite a perseguir a cidadáns que exercen os seus dereitos”.

O BNG presentou unha pregunta no Congreso español a través da deputada Rosana Pérez para pedir ao Ministerio de Interior que explique o que a fronte nacionalista cualifica de “desorbitadas sancións” e apertura de dilixencias xudiciais contra os tres representantes políticos do BNG, Rubén Cela, Paulo Carballada e Alfonso Losada, por ter participado o pasado 25 de agosto nos actos de protesta pola visita de Merkel a Compostela. “Aquel día houbo un despregamento policial desmesurado, identificacións indiscriminadas e inxustificadas e a represión de dereitos fundamentais”, afirma a parlamentar nacionalista.

“Aquel día houbo un despregamento policial desmesurado, identificacións indiscriminadas e inxustificadas e a represión de dereitos fundamentais”

Rosana Pérez argumenta que “todo o mundo puido ver as imaxes que daban testemuña da brutalidade policial empregada contra os manifestantes, imaxes de cidadáns postrados no chán, cercados por axentes ou bloqueados de pés e máns”. Mais, prosegue, embora a agresividade policial, “resulta que axentes da policía fixeron un atestado policial con acusacións moi graves contra os tres manifestantes. No atestado acúsalles de terlle substraído a arma regulamentaria a un dos axentes, e de  terlle clavado “un obxecto punzante” a outro dos policías”.

Lei Mordaza

Rosana Pérez pón de manifesto as incongruencias do atestado, afirmando que “de se ter producido os feitos que din, deducimos que se tiñan que ter producido detencións imediatas porque son feitos graves. Máis non houbo detencións, e temos que concluir que non hai congruencia entre as acusacións da policía e o sucedido na realidade”.

Para a deputada do BNG, situacións como a descrita “evidencian que o Goberno fai gala do seu carácter represor e practica a cara máis represora da Lei de Seguridade Cidadá, nacida para intimidar, aterrar e como elemento disuasorio de manifestacións e protestas”. 

Comentarios