As institucións galegas conmemoran o 8 de marzo

A Xunta entregou as Medallas Emilia Pardo Bazán no 8-M, e concellos e deputacións levaron actos reivindicativos pola igualdade.

Ignacio Galiana, Rosa Fontaíña, Isabel Garrido recolleron as medallas Pardo Bazán nun acto presidido por Núñez Feixoo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Ignacio Galiana, Rosa Fontaíña, Isabel Garrido recolleron as medallas Pardo Bazán nun acto presidido por Núñez Feixoo (Foto: Xunta da Galiza)

As institucións galegas conmemoraron o Día Internacional das Mulleres con distintos actos en prol da igualdade. Na Coruña, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, presidiu o acto de entrega das medallas Emilia Pardo Bazán, galardón co que o Goberno recoñece persoas e colectivos que traballan pola igualdade, nesta edición: a Federación de Mulleres Rurais de Ourense, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo e, a título póstumo, Megumi Shiozawa, que presidiu a Casa Galiza Xapón. 

Deputacións e Concellos

Tamén na Coruña, o presidente da Deputación, Valentín González, presidiu un acto ao redor da Árbore da Igualdade, instalado pola institución nos xardíns de Méndez Núñez e en cuxas ramas cidadás e responsábeis sociais e institucionais puideron pendurar mensaxes.

A Deputación de Ourense presentou as actividades organizadas polo 8-M, entre as que se inclúen un espazo expositivo virtual, un vídeo debate sobre as mulleres na pandemia e a creación da aplicación 'Vou-contigo', que facilita información e recursos ante malos tratos ou agresións sexuais.

En Lugo, a fachada da sede da Deputación ilumínase estes días de lila e loce unha pancarta que reivindica "Querémonos vivas, libres e iguais".

E pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, incidiu nun acto desenvolvido na cidade do Lérez na necesidade de conmemorar un 8-M "máis reivindicativo que nunca", á vez que criticou que se trate de "criminalizar" o movemento feminista prohibindo manifestacións. Aliás, no Concello de Pontevedra, todas as edís do Goberno municipal comunicaron que secundaron a folga. 

Mentres, en Santiago, os grupos da corporación participaron na lectura de textos de autoras como Xela Arias ou Rosalía de Castro. En Lugo, a alcaldesa, Lara Méndez, presidiu un acto en que se leu unha declaración institucional aprobada polo pleno e no Concello de Ourense concedeuse o Premio Clara Campoamor á Igualdade ás traballadoras do Servizo de axuda ao fogar. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na presentación do libro Cidade das mulleres. Veciñas ilustres da Coruña. Na cidade de Vigo, a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, presidiu un pleno do Consello municipal da muller, e rendeuse homenaxe a pensadoras e escritoras feministas.

Comentarios