Instan o Parlamento a que recorra os decretos do Ensino e da Sanidade diante do Constitucional

Desbotada a posibilidade de que sexa a Xunta quen reclame pola invasión de competencias propias despois de que o PP botase abaixo unha iniciativa do BNG, o PSOE vén de rexistrar outra na que reclama o apoio da Cámara contra estas normas

Despois de que o PP botase abaixo a iniciativa presentada en maio perante o Parlamento polo BNG para exixir á Xunta que recorrese diante do Tribunal Constitucional o decreto 14/2012, dos recortes do Ensino, alén de que non fora aplicado na Galiza, agora será o PSOE quen leve a pleno a proposta de que sexa o propio Parlamento quen presente o recurso contra esa norma e contra o RD 16/2012, que afecta á Sanidade pública.

Neste caso, o RD-lei só pode ser recorrido pola Xunta, @ Valedora ou Valedor do Pobo, 50 deputad@s do Congreso, 50 senador@s ou o Parlamento galego. Así as cousas, o secretario xeral do PSOE, Pachi Vázquez, rexistrou a iniciativa desta formación política con trámite de urxencia, e informou de que "non queda máis remedio" que optar por procurar o apoio parlamentar "porque o presidente da Xunta sucumbiu aos intereses do PP". Foi precisamente este partido o que rexeitou a iniciativa presentada pola deputada nacionalista Carme Adán, e os seus votos volven ser necesarios desta volta para que a achega do partido que encabeza o carballiñés vaia adiante.

Invasión de competencias nacionais
Na liña, Vázquez lembrou á Xunta e ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que Euskal Herria e Catalunya presentaron xa sendos recursos contra as dúas normas ditadas en Madrid porque supoñen unha invasión dos marcos competenciais destas nacións, e acusou ao líder d@s populares de "antepor os intereses do PP aos dos galegos". Segundo os cálculos que botou o ex conselleiro, a Xunta aforrará uns 50 millóns escasos co decreto nun orzamento de máis de 3.500 millóns, o que suporá "empeorar a calidade de vida" e "non mellorará a situación económica".

Ao redor do decreto do Ensino, Adán, voceira de Educación no grupo parlamentar do BNG, sinalou cando presentou a proposta para que a Xunta o recorrese que a norma suporía na Galiza a destrución de máis de 2.000 postos de traballo no profesorado, segundo os cálculos de CIG-Ensino, así como "unha rebaixa considerábel" da calidade educativa. Alén disto, durante os dez primeiros días de calquera baixa --independentemente da duración-- o alumnado estará atendido mais non recibirá aulas coa ou co docente especializado nesa materia. Nesa liña, enténdese a norma española como unha agresión á igualdade de oportunidades "que responde a unha concepción elitista e clasista" do ensino público.

Comentarios