Un inquérito publicado en Andorra dá a maioría absoluta ás forzas independentistas

Junts pel Sí obtería entre 62 e 64 escanos. Completaría a absoluta a CUP, que se faría con entre 6 e 8 asentos no Parlament. O grande derrotado sería Catalunya si que es Pot, que apenas superaría os resultados en solitario de ICV.

[Imaxe: Junts pel Si]
photo_camera [Imaxe: Junts pel Si]


A lei española prohibe a publicación de inquéritos na última semana de campaña, mais El Periódico de Andorra, meio que se edita nun Estado soberano e loxicamente non suxeito á xurisdición de Madrid, costuma divulgar traballos demoscópicos realizados en Catalunya nos días previos a que se abran os colexios eleitorais. Así o fixo esta sexta feira, pondo na rede unha enquisa feita a 800 persoas cunha marxe de erro de máis menos 3,46% para o conxunto da mostra.

Os resultados confirman en liñas xerais as tendencias da primeira semana, mais apuntan certas variacións de última hora significativas. Atinxen nomeadamente a Catalunya si que es Pot. Segundo este inquérito, a marca de Podemos e ICV en Catalunya estaría a se desinflar, até o ponto de ser superada por vez primeira polo PSC e de moverse nos parámetros dos votos que até o de agora viña obtendo Iniciativa per Catalunya en solitario.

O reparto de escanos que estima esta investigación demoscópica é o seguinte: Junts pel Sí, entre 62 e 64; Ciutadans, entre 20 e 21; PSC, entre 16 e 18; Catalunya si que es pot, 12-14; PP, entre 8 e 10; CUP, entre 6 e 8; e Unió, entre 5 e 6.

comentarios