Ferraz realiza un inquérito para coñecer as preferencias sobre candidatos socialistas á Xunta

No traballo pregúntase por Pilar Cancela, José Blanco, Francisco Caamaño, Carmela Silva e Gómez Besteiro. Este último descartouse esta fin de semana após a súa imputación na 'Operación Pulpo'.

[Imaxe: PSdeG] Besteiro con Pedro Sánchez
photo_camera [Imaxe: PSdeG] Besteiro con Pedro Sánchez

Ferraz impulsa un traballo demoscópico para coñecer as preferencias como candidato socialista á Xunta entre cinco nomes propostos: O ex-ministro e eurodeputado José Blanco, o tamén ex-ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, a secretaria de Organización e deputada no Congreso Pilar Cancela, a presidenta da Deputación pontevedresa, Carmela Silva, e o secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro. Este último descartouse como candidato esta fin de semana, após a súa imputación na 'Operación Pulpo'. A enquisa impulsouse antes de se coñecer as imputacións.

Segundo a Cadena Ser, que informou deste inquérito, habería máis nomes que figuran nas quinielas para optar a esa candidatura, mais que non figuran na enquisa, como é de Méndez Romeu, deputado e portavoz do PSdeG no Parlamento de Galiza.

Pachi Vázquez e Susana Díaz

O ex-secretario xeral do PSdeG volveu usar as redes sociais para expresar a súa opinión a respeito do que está a acontecer no partido. Así, Pachi Vázquez escribiu na súa conta de twitter: “Se o futuro do PsdeG depende de Madrid, gran síntoma de febleza. Socialistas e galegos”.

De por parte, a presidenta andaluza, Susana Díaz, aproveitou estas últimas horas para meter máis presión sobre o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, a conta do 'affaire' Besteiro. Así, apontou que a súa renuncia a ser candidato á Xunta non é de abondo e que debería tamén deixar a ponte de mando da secretaría xeral do PsdeG.

Comentarios