Axustada disputa da segunda praza entre PSdeG e En Marea e o BNG acadaría grupo parlamentar

O inquérito da CRTVG dálle maioría absoluta ao PP

A enquisa a pé de urna da CRTVG sitúa o PP na maioría absoluta. O partido de Alberto Núñez Feijóo obtería entre 38 e 41 escanos, seguido en porcentaxe de voto por En Marea, que empataría en número de parlamentares co PSdeG. Ambos os dous partidos conseguirían entre 14 e 16 asentos no Parlamento. O Bloque formaría grupo parlamentar propio ao conseguir entre 5 e 6 escanos. Nas xerais de xuño, a israelita da CRTVG fallou estrepitosamente.

Eleccións Galegas. Colexio eleitoral Oleiros.
photo_camera [Imaxe: Adrián Freixeiro] Colexio eleitoral en Oleiros

Segundo a enquisa da CRTVG, o PP (45,5% dos votos) conseguiría entre 39 e 41 escanos, mentres que En Marea (19,5%) e o PSdeG (18,9%) acadarían entre 14 e 16 escanos, cunha lixeira porcentaxe de voto maior no caso da candidatura de Luís Villares. O BNG (8,8%) lograría grupo parlamentar ao se situar entre os 5 e 6 escanos e Ciudadanos (4,4%) non obtería representación ningunha, aínda que o inquérito advirte dunha remota posibilidade por Pontevedra.

Por circunscricións, este inquérito dálle ao PP entre 12 e 13 escanos pola Coruña e o 45,5% dos votos; á En Marea entre 5 e 6 co 19,20%; ao PSdeG entre 5 e 6 escanos e o 19,10% dos votos; ao BNG dous escanos co 9,20% das papeletas e Ciudadanos ficaría co 4,30% dos apoios.

En Lugo, o PP conseguiría entre 8 e 9 parlamentares co 52,80% dos votos, mentres que o PSdeG se faría con 2 ou 3 escanos e o 17,70% dos apoios. En Marea lograría 2 parlamentares e o 15% dos votos e o BNG 1 co 9,40% dos votos. Ciudadanos acadaría o 3,40% dos apoios.

En Ourense, o PP acadaría entre 8 e 9 escanos co 50,40% dos votos; o PSdeG entre 3 e 4 co 19,70%; En Marea, 2 co 14% e o BNG non obtería escano ao facerse co 5,10% das papeletas. Ciudadanos acadaría o 4,30% dos votos.

En Pontevedra, o PP situaríase nos 10 parlamentares co 41,10% das papeletas; En Marea conseguiría entre 5 e 6 representantes co 23,40% dos votos; o PSdeG, 4 escanos co 18,70%; o BNG, 2 co 9,30% dos apoios. Ciudadanos obtería o 4,80% dos votos.

Enquisa das eleccións xerais

Hai que lembrar que a enquisa a pé de urna que a Forta (CRTVG) e a TVE ofereceron nas últimas eleccións xerais uns dados que se desviaron en boa medida dos resultados reais. Así, a nivel galego, esta enquisa prognosticara que o PP lograría 10 escanos (conseguiu finalmente 12), que En Marea obtería con entre 6 e 7 escanos (conseguiu 5) e que o PSOE ficaría en terceiro lugar con entre 5 e 6 escanos (acadou os 6). O inquérito deu por feito o sorpasso, que finalmente non se produciu.

A nivel estatal a diferenza foi maior. A enquisa da Forta calculaba que o PP acadaría entre 117 e 121 escanos (acadou 137), que Unidos Podemos e as súas confluencias lograrían entre 91 e 95 escanos (lograron 71), que o PSOE obtería entre 81 e 85 escanos (obtivo 85) e que Ciudadanos se faría con entre 26 e 30 asentos (conseguiu 32).

Comentarios