Inquérito CIS: PP, primeira forza e En Marea e Unidos Podemos 'sorpassan' o PSOE

A coligazón de Anova, EU e Podemos aumentaría un deputado (até 7) a costa dos socialistas. Podemos, IU e confluencias superarían o PSOE, en votos e escanos. O PP sería o máis votado, en Galiza e no Estado. O BNG non acadaría representación.

voto
photo_camera voto

En Marea e Unidos Podemos protagonizarán o 26 de xuño un 'sorpasso' sobre o PSOE na Galiza e no conxunto do Estado. Este é o prognóstico do inquérito do CIS, que sitúa o PP como a forza máis votada a nivel estatal e galego. En base a esta sondaxe, realizada en base a 17.000 enquisas, o PP tería en Galiza 10 deputados, os mesmos que obtivo nos comicios do 20 de decembro. Consolidándose como segunda forza, En Marea, que gañaría un escano (7) a costa do PsdeG, que pasaría dos 6 obtidos o 20D a 5, perdendo 1 en Pontevedra a favor das marés. Ciudadanos mantería o seu deputado por Galiza e o BNG Nós Candidatura Galega non acadaría representación nas Cortes españolas. Neste inquérito non hai estimación de voto final do Bloque, mais fontes consultadas por Sermos Galiza apontan que o resultado sería similar ao colleitado o 20D por Nós Candidatura Galega, cunha lixeira tendencia á alza na provincia da Coruña.

O PP tería 10 deputados en Galiza, por 7 de En Marea, 5 do PSOE e 1 de Ciudadanos

A nivel de Estado, Unidos Podemos e confluencias consuman o 'sorpasso' aos socialistas, que caerían até o terceiro posto. O primeiro, iso si, seguiría a ser para o Partido Popular, cun 29% dos votos e entre 118 e 121 escanos, un descenso respeito aos 123 que logrou hai seis meses. Unidos Podemos tería entre 58 e 60 escanos, máis que os 44 que Podemos e IU sumaban o 20 de decembro. Aumentan en representación En Comú Podem (14/15 fronte os 12 do 20 de decembro), Compromís-Podemos-IU (9/10, tiveran 9 nas anteriores eleccións) e En Marea. Entre todos, Podemos-IU-confluencias, suman 88/92 escanos e un 25,6% dos votos. Sobrepasan, logo, o PSOE, que o CIS prognostica que obterá 78/80 escanos fronte aos 90 de hai seis meses. Ciudadanos lograría o 14,6% dos apoios, un punto menos que nos anteriores comicios, logrando de 28 a 39 escanos.

Esquerra Republicana de Catalunya mantería a representación acadada na anterior cita coas urnas ao atinxir 8/9 representantes, mentres que Convergència obtería 6/7. O PNV lograría 5 escanos (1 menos que o 20D) e EH Bildu, 3, aumentando así a súa representación nun deputado. 

Comentarios