O inicio do curso e a crise de Alcoa centrarán o vindeiro pleno

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, comparece para informar das estatexias do seu departamento en vivenda tras avivar o medo á ocupación.
Pleno no Parlamento da Galiza (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Pleno no Parlamento da Galiza (Imaxe: Nós Diario).

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou a súa comparecencia no pleno do Parlamento do vindeiro 6 de outubro para informar do inicio do curso escolar.

O grupo do Bloque Nacionalista Galego demandara a súa asistencia para "explicar o caos que se está a producir" nas primeiras semanas de aulas "e que cada día denuncian máis axentes da comunidade educativa". O inicio das aulas tamén centrará outras interpelacións e preguntas ao Goberno galego.

A maiores, Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, comparecerá para informar sobre liñas estratéxicas do seu departamento en materia de vivenda.

Faino nun contexto no que o Partido Popular participou do alarmismo sobre a ocupación, e despois de ligar nunha entrevista na Radio Galega os numerosos edificios baleiros ao temor dos donos "a perder ese fogar nun futuro"

Crise local en Ourense

A "grave situación" de Alcoa centra unha das preguntas ao presidente do Executivo galego, o popular Alberto Núñez Feixoo. O BNG requírelle explicar as actuacións previstas polo seu Goberno para paliar a crise industrial que está a vivir Galiza, nomeadamente ante a situación de Alcoa.

O persoal da factoría de San Cibrao anunciou esta terza feira a convocatoria dunha folga indefinida a partir do 4 de outubro tras o fracaso das negociacións.

A política local ourensá tamén entrará no pleno parlamentario da man dunha pregunta a Núñez Feixoo do PSdeG, a quen reclama unha valoración. Chega despois de que o presidente da Deputación ourensá, o popular Xosé Luís Baltar, destituíse o vicepresidente afín ao alcalde do Concello, Gonzalo Pérez Jácome.

O seu substitut é Miguel Caride, tamén deputado de Democracia Ourensá, a formación de Pérez Jácome que apuntalou Baltar na presidencia. No consistorio ourensán, o rexedor négase a dimitir e resiste xunto a dous edís.

Na Cámara do Hórreo sucederanse outras preguntas de fiscalización ao Goberno en relación aos incendios deste verán, á situación das residencias de maiores privadas ou á  reactivación cultural.

A maiores, o Parlamento acollerá o debate final sobre o informe anual da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, correspondente ao ano 2019. 
 

Máis en POLÍTICA
Comentarios