ADVOGA POLA REALIZACIóN DUN ENCONTRO NACIONAL EN RéXIME DE AUTOCONVOCATORIA

Iniciativa pola Unión propón á Marea Galega un plan para a confluencia

A idea de Iniciativa pola Unión sería “iniciar xa o proceso de conformación da candidatura galega de unidade popular”

[Imaxe: Corral] Banquete de Conxo
photo_camera [Imaxe: Corral] Banquete de Conxo

A Coordenadora de 'Iniciativa pola Unión' trasladará nos vindeiros días ao 'Encontro Cidadán por unha marea galega' unha proposta de axenda e metodoloxía para a confluencia. Un paso que dá en virtude ao acordado no Banquete de Conxo 2.0 e aos chamados de colectivos, partidos e persoas individuais a prol da confluencia.

Iniciativa pola Unión sinala que nas conclusións do acto “Construíndo unidade”, realizado o 12 de setembro polo Encontro Cidadán, “ficou clara, novamente, a vontade maioritaria de confluencia nun único espazo cidadán de todas as persoas a prol dunha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais”.

Iniciativa defende "un único espazo cidadán" para avanzar no "proceso de creación dunha candidatura galega de unidade popular"

Desde 'Iniciativa pola Unión' consideran que “é preciso un gran encontro nacional, en réxime de autoconvocatoria, no que compartamos as conclusións dos nosos debates e do que naza un único espazo de unidade cidadá, sen exclusións”. Un espazo que, apontan, debe ser radicalmente democrático, e que inicie xa “o proceso de creación dunha candidatura galega de unidade popular”.

E aí todas as decisións – nome, forma xurídica, funcionamento, código ético, persoas candidatas, principios políticos e programa – serían tomadas por todas e cada unha das persoas que desexen participar “que teña como obxectivo, dende un grupo parlamentar constituído por e para o pobo galego, a defensa dos intereses da nación galega e a contribución a un proceso de cambio no Estado, contra as políticas que esmagan a maioría social e polo recoñecemento dos dereitos dos pobos a decidir”.

Comentarios