O COLECTIVO APRESENTA O ACTO QUE REALIZARá O DOMINGO EN COMPOSTELA

Iniciativa pola Unión critica o "acordo entre cúpulas" de Anova, EU e Podemos

O colectivo cívico compareceu esta cuarta feira para apresentar o encontro nacional que irá realizar o domingo en Compostela (10 h, Auditorio). A imprensa interesouse pola noticia do día: o pre-acordo entre Anova, EU e Podemos. Para Iniciativa pola Unión, estamos ante un "acordo entre cúpulas" e del non pode xurdir unha candidatura "nacional, galega e unitaria".

[Imaxe: Corral] Banquete de Conxo
photo_camera [Imaxe: Corral] Banquete de Conxo

Elvira Souto, Ana Luisa Bouza e Suso Díaz compareceron en conferencia de imprensa para apresentar o Acto de Abertura deste domingo, un evento que inicialmente fora concebido como un ponto de encontro coa outra plataforma cívica, o Encontro Cidadá pola Marea Galega. Esa converxencia parece hoxe practicamente desbotada. "Fixemos todo o que puidemos [para lograr a unidade entre os dous colectivos], mais non nos damos por vencidos", dixo Ana Luisa Bouza.

Segundo as declaracións recollidas por Europa Press, Suso Díaz xulgou que en teoría non debería haber grandes obstáculos para que esa converxencia finalmente se materializase: "Non hai ningunha diferenza substantiva que impida actuar unitariamente", dixo.

Suso Díaz observa certa "subordinación" de Anova e EU "ao que se di desde Madrid"

Aliás, o asunto que concitou o interese da imprensa foi o anuncio feito esta mañá na Radio Galega por Martiño Noriega que apunta a un inminente acordo entre Podemos, Anova e Esquerda Unida. Ana Luisa Bouza descualificouno ao tildalo de "acordo entre cúpulas", en tanto que Suso Díaz observou que "parece" que del se desprende que hai unha certa "subordinación" de Anova e Esquerda Unida "ao que se di desde Madrid", en obvia alusión a Podemos.

"Se dicemos que hai que negociar ante a cidadanía, practiquémolo", acrecentou Díaz.

Bouza enfatizou que a candidatura resultante do acordo entre Anova, Podemos e Esquerda Unida tampouco sería unha lista "nacional" galega. Argumentou que non se trata só de afastar o PP da Moncloa, mais tamén de defender os intereses nacionais da Galiza nas Cortes Xerais do Estado.

Embora todo isto, os integrantes da coordenadora de IxU non dan por "fechado" o proceso de diálogo. "Non perdemos a esperanza; o partido non remata até que remata", dixo.

Comentarios