A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade pide un encontro con Feijóo

A través do alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa (BNG), a iniciativa social demandou unha xuntanza con Alberto Núñez Feijóo antes do 6 de novembro. Aliás, apelan á "humanidade" do presidente para o instaren a se opor á medida que, advirten, pode levar á morte a "compatriotas seus".

riotorto2
photo_camera Imaxe da asemblea

Os máis de 150 colectivos que constituíron o pasado mes de outubro a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade enviaron esta segunda feira unha carta ao presidente da Xunta de Galiza para lle solicitaren un encontro antes do vindeiro día 6 de novembro. 

Na misiva --asinada polo rexedor de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez-- emprazan o líder do executivo a "demostrar se lle queda humanidade", dándolle solución ao re-pagamento de fármacos hospitalarios que aprobou o goberno do Partido Popular en Madrid. Segundo Gutiérrez Estoa, a inacción do presidente da Xunta, que se amosou favorábel á medida após ser publicada no BOE, converte a Núñez Feijóo "en cómplice" da mesma.

Federico Gutiérrez amosouse "estrañado" pola actitude do líder galego quen "até a data", subliñou, apoiou a decisión de "multar a aqueles galegos e galegas que cometen o delito de contraer unha enfermidade crónica", ao tempo que non se posicionou de maneira desfavorábel como si aconteceu "noutros territorios veciños como Asturias ou Castela- León", indicou.

Advirten ao presidente da súa responsabilidade de non excluír @s galeg@s do re-pagamento

Desde a Iniciativa galega consideran que, de se manter nesta postura, Núñez Feijóo tornaríase "en cómplice da morte de compatriotas seus polo feito de que os mesmos non teñen diñeiro para pagar a súa medicación" e mesmo podería tornarse "en responsábel", advirten, "do que lle poida acontecer, tamén da morte, a moitos cidadáns de Galiza", de non excluír @s galeg@s do re-pagamento. 

Neste senso, emprazan a Alberto Núñez Feijóo a os recibir en calidade de presidente antes do vindeiro día 6 de novembro nunha xuntanza en que abordar as posíbeis alternativas ao re-pagamento, a comezar polo rexeitamento do goberno galego a estam medida, da mesma maneira que se amosaron máis dunha trintena de concellos --entre eles, tres gobernados polo Partido Popular. 

A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade tenciona ter este encontro con Feijóo antes das concentracións que ten convocadas perante os hospitais de todo o país o vindeiro 8 de novembro, mobilizacións coas que este movemento local impulsado como resposta ao re-pagamento farmacolóxico procura dar unha contundente resposta ás medidas privatizadoras do PP en materia sanitaria. 

Comentarios