Eleccións 12-X

Principia a campaña electoral do 12-X: dúas semanas determinantes para decidir o futuro da Galiza

Conta atrás para a elección do novo Parlamento galego. As e os candidatos á Presidencia da Galiza iniciaron a campaña na noite desta sexta feira. 26 de xuño, en Santiago, Vigo e A Coruña, arroupados pola súa militancia e con chamamentos á mobilización do voto nuns comicios inusuais na historia do país, xa que se desenvolverán rodeados pola ameaza do coronavirus. 
Candiudaturas noite electoral

A Coruña, Santiago e Vigo foron os emprazamentos elixidos polos partidos para dar arranque á contenda electoral máis atípica dos últimos anos. Actos con asistencia limitada, máscaras, distanciamento e a preocupación polos rebrotes marcan unha campaña da que sairá electo un Goberno novo cuxo principal reto será dar resposta á crise social que xa se está a padecer.
Precisamente, nun mitin de formato reducido no auditorio Mar de Vigo cun cento de asistentes, o candidato Alberto Núñez Feixoo chamou a votar polo PP para que non haxa "risco" de deixar o Goberno da Galiza "en mans dun multipartito variábel" nun escenario de crise. Ao remate do acto  Feixoo trasladouse ao recinto feiral de Palexco, na Coruña, para realizar a colada inicial de carteis. 

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, iniciou a campaña en Santiago, no parque de Fonseca. O seu partido procurará até o 12-X mobilizar o votante progresista para recuperar a Presidencia da Xunta, da que se despediron hai xa 11 anos.  

No quilómetro cero de Vigo, a Porta do Sol, concentrou Galicia en Común a súa xente para arroupar Antón Gómez-Reino na carreira presidencial. O candidato cualificou a campaña como "a máis decisiva da historia da democracia na Galiza" porque, dixo, "xogámonos o futuro da sanidade, da nosa industria, e porque as e os nosos maiores merecen un Goberno que non deixe os coidados en mans privadas”.

O BNG iniciou a campaña na compostelá praza de Praterías. A candidata nacionalista, Ana Pontón, chamou á mobilización nas urnas para "facer historia" na Galiza, situando "por primeira vez unha muller na Presidencia da Xunta e unha nacionalista". "O BNG é a única alternativa para derrotar o PP", advertiu. Así, dirixiuse a todas as persoas que queren un cambio "real" para que acudan ás urnas e expresen este desexo "cunha mobilización masiva da man do BNG", co obxectivo de "construír unha nova Galiza". "Hai partido", dixo Pontón, e no BNG "saímos a gañalo desde o minuto cero". 

Marea Galeguista convocou o inicio de campaña en Santiago, na praza 8 de Marzo. Desde alí, o seu candidato presidencial, Pancho Casal, quixo situar Galiza no centro da política, "con xente galeguista que quere dialogar con calquera cidadán, cun forte contido progresista e social e que vai desde o centro galeguista até a esquerda galeguista", dixo.

 Beatriz Pino, candidata de Ciudadanos, deu inicio á campaña na praia de Samil, en Vigo, desde onde afirmou que se presenta ás urnas "para ter unha Galiza do século XXI", chea de oportunidades para todas e todos. 

Comentarios