venres 10.07.2020

Inhabilitados ex-alcalde e ex-tenente de alcalde do PP de Carnota por prevaricación

Fican inhabilitados para o exercicio de ningún cargo público durante 7 anos.

(BNG carnota)
(BNG carnota)

A Xustiza condena as membros do PP de Carnota José Oreiro e Marisol Piñeiro, alcalde e tenente de alcalde do Concello de Carnota, respectivamente, desde 2007 ata 2011, por un delito de prevaricación administrativa en contratos de traballo asinados durante o seu mandato. Ao facerse firme a sentenza, quedarán inhabilitados para o exercicio de ningún cargo público durante 7 anos.

O BNG de Carnota, que vén de informar desta notificación do xulgado e que exerceu a acusación popular neste preito, non pode por lei esixir aos condenados a indemnización compensatoria polo prexuízo causado por este ilícito ás arcas municipais, estimado en máis de 170.000 euros.

Por iso, pide ao actual Goberno municipal que “exixa aos ex-mandatarios que restitúan solidariamente o dano económico causado á veciñanza de Carnota, e que eses cartos se destinen a atender as necesidades sociais nun momento que está a ser moi duro para a veciñanza.”

comentarios