O ingreso dos 6.000 euros atribuído a Vendex foi feito polo propio BNG

A documentación achegada por NGB mostra que o ordenante do ingreso é a formación nacionalista e que Vendex non fixo ningún ingreso nas súas contas.

Extracto bancario ingreso BNG 19 maio 2011
photo_camera Extracto bancario ingreso BNG 19 maio 2011

Os 6.000 euros que foron ingresados o 19 de maio de 2011 nunha conta do BNG na cidade da Coruña non corresponden a Vendex nin teñen ningunha relación con esa empresa. Eses 6.000 euros foron ingresados polo propio BNG. O secretario de Organización da fronte nacionalista, Bieito Lobeira, amosou os extractos bancarios ofrecidos por Novagalicia Banco a instancias do propio BNG para demostrar que o ordenante daquel ingreso foi o BNG.

Tan pronto como saíu publicado que Vendex ingresara 6.000 euros nunha conta do BNG, @s nacionalistas puxéronse en contacto coa sucursal bancaria, que lles facilitou o extracto daquela operación. E o ingreso foi realizado polo BNG. “O Bloque Nacionalista Galego non recibiu ningún ingreso de Vendex”, reiterou o secretario de Organización.

Eses 6.000 euros ingresáronse en campaña electoral e procedían de achegas de militantes e simpatizantes, así como da venda de material e de propaganda. Preguntado sobre os titulares da conta, Bieito Lobeira lembrou que pasaron 3 anos desde aquel ingresos e que hai xente daquela con responsabilidades que inclusive xa non está no BNG.

Accións legais

Lobeira anunciou que o BNG estudará a posibilidade de ver se procede emprender accións legais. Enfatizou que a contabilidade de 2011 foi fiscalizada e validada polo Tribunal de Contas, "ratificando a súa total legalidade nun informe oficial público dese órgao estatal que está a disposición de quen o queira consultar".

Comentarios