domingo 09/05/21

Infraestruturas e mobilidade nunha nova cimeira Bloco-Bloque

Esta segunda feira, 19 de abril, as formacións portuguesa e galega reuniranse na cidade do Porto nunha xornada de traballo presidida por Catarina Martins e Ana Pontón.

EuropaPress_3478647_portavoz_nacional_bng_ana_ponton_coordinadora_nacional_bloco_esquerdas (1)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a coordinadora nacional do Bloco de Esquerda, Catarina Martíns, tras a cimeira de decembro en Vigo (Europa Press)

O BNG e o Bloco de Esquerda portugués reuniranse esta segunda feira no Porto, a partir das 11.30 horas (horario local) nunha nova cimeira participación das súas respectivas líderes, Ana Pontón e Catarina Martins. Será un encontro que dará continuidade ao primeiro desenvolvido en Vigo o pasado 14 de decembro.

Con esta cita, segundo destacou o Bloque nun comunicado, as dúas formacións "reforzan a súa alianza estratéxica na defensa dos intereses comúns" que manteñen Galiza e Portugal en relación a infraestruturas ferroviarias, en materia de mobilidade transfronteiriza e na colaboración nos eidos cultural e lingüístico.

En concreto, o BNG e o Bloco están "en sintonía" co obxectivo de modernizar a conexión por tren entre Vigo e o Porto, de modo que un traxecto que agora leva máis de dúas horas pase a ser de 55 minutos; e de impulsar a execución do Corredor Atlántico de mercancías.

Ademais, esta cimeira buscará "afianzar a cooperación" entre ambas as organizacións políticas nunha alianza pensada "para influír" ante os Gobernos galego, español e portugués, así como ante a Unión Europea, para defender os proxectos que consideran "fundamentais" para ambos os territorios.

Integrantes

Pontón e Martins presidirán unha xornada de traballo en que participarán, por parte dos nacionalistas galegos, a súa portavoz en Bruxelas, Ana Miranda; o seu deputado en Madrid, Néstor Rego; o responsábel de asuntos transfronteirizos da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez; e os deputados nacionais Alexandra Fernández, Carmela González e Luís Bará.

Da parte portuguesa, Martins estará acompañada pola deputada da Assembleia da República e integrante da Comissão de Economia e Obras Públicas, Isabel Pires; o deputado e presidente da Comissão de Ambiente, Energia e Ordenamento do Territorio, José María Cardoso; e José Soeiro, deputado e membro da Comissão de Trabalho e Segurança Social, así como tamén a deputada Alexandra Vieira.

O BNG conta con 19 escanos no Parlamento de Galiza, e o Bloco de Esquerdas con outros tantos representantes na Assembleia da República de Portugal.

comentarios