Un informe da secretaría de Viana propón cesar un edil tránsfuga do cargo no Goberno local

A sentenza do Tribunal Supremo en relación aos dereitos dos concelleiros e concelleiras tránsfugas continúa a deixar pegada na política galega. En virtude a este auto, a secretaría de Viana do Bolo propón nun informe o cesamento do segundo tenente de alcalde, tránsfuga do PSdeG. Tamén a retirada da súa asignación e máis a do propio rexedor, tamén tránsfuga e no posto após unha moción de censura.
Acompañado da deputada Noa Presas e encabezado polo ex alcalde, Secundino Fernández, o grupo municipal do BNG de Viana do Bolo presentou na mañá do 30 de outubro o recurso.
photo_camera Acompañado da deputada Noa Presas e encabezado polo ex alcalde, Secundino Fernández, o grupo municipal do BNG de Viana do Bolo presentou na mañá do 30 de outubro o recurso.

As consecuencias da sentenza do Tribunal Supremo (TS) que dita que os edís tránsfugas non poden ocupar novos cargos nos equipos de Goberno seguen a estenderse na Galiza, agora en Viana do Bolo. O seu primeiro impacto recaeu na Deputación de Ourense a mediados de mes co cesamento do vicepresidente, Miguel Caride. Caride ocupárao en setembro tras abandonar Democracia Ourensá.

Un informe da Secretaría da institución cuestionou a legalidade desta designación. Fíxoo en virtude dese auto do Tribunal Supremo que, nunha interpretación do artigo 73.3.3º da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, prevé que "os dereitos económicos e políticos dos membros non adscritos non poderán ser superiores aos que lles correspondesen de permanecer no seu grupo"

O caso de Viana do Bolo

En xullo, dous concelleiros do PSdeG de Viana do Bolo, Abelardo Carballo e Santiago Barja, abandonaron o partido. En agosto, presentaron unha moción de censura xunto cos catro concelleiros e concelleiras do Partido Popular en contra do entón alcalde, o nacionalista Secundino Fernández. Propúxose como candidato á alcaldía a Abelardo Carballo.

Case tres meses despois, un informe da secretaría local analiza como afecta a sentenza do TS a moción de censura, ao nomeamento de Carballo como alcalde e ao de Santiago Barja como membro da Xunta de Goberno, 2º tenente de alcalde e edil de Política Rural así como as retribucións de 16.000 euros anuais designadas por senllas dedicacións parciais.

O documento, ao que tivo acceso Nós Diario, conclúe que debe procederse a revogación das competencias de Santiago Barja e mais a súa remuneración. A secretaría engade que o actual alcalde de Viana, Abelardo Carballo, tamén debe renunciar a súa retribución. 

Mantense a alcaldía

En tanto, o informe agrega que o artigo da Lei reguladora de bases do réxime local "non pode limitar nin privar aos concelleiros non adscritos do seu dereito a subscribir unha moción de censura nin a ser nomeado alcalde como consecuencia desta". Así, Abelardo Carballo mantería a alcaldía sen percibir remuneración.

O documento remítese a unha sentenza do Tribunal Constitucional. Nela, resolve que o dereito a participar dunha moción de censura sitúase no "dereito a participar na actividade de control do Goberno local". E agrega que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral estabelece que "calquera concelleiro" pode ser candidato á Alcaldía nunha moción

Castrelo de Miño

A mesma sentenza do TS motivou un recurso do PSdeG contra o Goberno de Castrelo de Miño por un caso semellante. Dous edís tránsfugas deste partido asinaron xunto co PP unha moción de censura ao alcalde do BNG o pasado mes de agosto. Despois de que prosperase, ambos os dous obtiveron melloras económicas e políticas. 
 

Comentarios