Inés Rey fai dous anos en minoría á fronte da Coruña

Con grande entusiasmo encara o Goberno municipal da Coruña a segunda fase do mandato que resta até as eleccións municipais. O PSdeG ve na alcaldesa Inés Rey un "liderado claro" na cidade, mentres que Marea Atlántica e BNG exixen un modelo de cidade alternativo e alertan dun retorno ao "Pacovazquismo". Pola súa banda, o PP ten clara a prioridade: baixar os impostos, a comezar polo IBI. 
A alcaldesa Inés Rey (no centro) xunto ao edil José Manuel Lage e a concelleira Esther Fontán (Foto: Concello da Coruña)
photo_camera A alcaldesa Inés Rey (no centro) xunto ao edil José Manuel Lage e a concelleira Esther Fontán (Foto: Concello da Coruña)

Inés Rey "mudou o modelo de cidade, malia a pandemia, cara a unha Coruña máis amábel, máis peonil e máis verde”, defende o portavoz do grupo municipal socialista, José Manuel Lage, en conversa con Nós Diario sobre o balance do Goberno municipal no ecuador do mandato. 
 Lage salienta que nestes dous primeiros anos executaron actuacións por valor de case 30 millóns de euros de euros e contribuíron "á activación económica da Coruña con máis de 1.500 licencias de obras”. 

O Executivo local, que goberna en minoría, "aposta desde o primeiro minuto pola senda do diálogo", di o voceiro socialista, facendo posíbel a aprobación "de 110 dos 111 asuntos que levamos a pleno”. 

“A pandemia obrigounos a mudar as prioridades e a destinar 20 millóns de euros de fondos propios á reactivación económica, ao apoio á cultura e ao escudo social, sendo o primeiro concello galego en aprobar plans propios e tamén o que máis recursos destinou a ese fin", explica Lage, recoñecendo o apoio dos grupos da oposición, en especial, dos que posibilitaron a investidura: Marea Atlántica e BNG.

En canto á mobilidade, asegura que "a aposta de Inés Rey non ten volta atrás" e anuncia que nesta segunda metade de mandato "afondarán" na revalorización do espazo público e nas humanizacións. 

Ao falar de próximos proxectos para A Coruña, sostén que a alcaldesa "logrou en dous anos máis de 700 millóns en investimentos doutras Administracións", e pon como exemplo o tren a Langosteira, a estación intermodal, ou a construción do novo Hospital da Coruña. “O Concello ten actuacións adxudicadas, licitadas ou con proxectos moi avanzados por valor de 50 millóns, actuacións que se concretarán na segunda metade do mandato e que se repartirán por todos os barrios", explica. Entre estes proxectos destaca a renovación dos mercados de Monte Alto e Durmideiras e as súas contornas  até a renovación e expansión das zonas verdes en San Carlos e Méndez Núñez, destacando tamén o plan director de Santa Margarida.

O PP urxe a baixar o IBI

“Moito non fixeron”, responde Rosa Gallego, portavoz municipal do PP, á pregunta deste medio sobre a valoración que realiza do Goberno de Inés Rey. 

 "O que si fixeron", di, "foi subir impostos, 3% no IBI; e recadaron este ano, en plena pandemia, tres millóns de euros máis que nos anteriores anos".  A popular bota en falta equipamentos novos. "Todos os que se planificaron son os que xa estaban proxectados, licitados ou adxudicados polo PP hai seis anos: o do Remanso, o polideportivo do Castrillón, o mercado de Montealto ou a Rosaleda". 

De cara aos próximos anos, Gallego prioriza a reactivación económica, para o que reclama diálogo e consenso. "O prioritario é aprobar un plan de rescate como se fixo o ano pasado",  sinala, ao tempo que pide "non asfixiar o comercio e os sectores que o están a pasar mal", polo que urxe a baixar impostos.

Marea Atlántica alerta dun xiro á dereita do Goberno socialista

A voceira municipal de Marea Atlántica, María García, considera que a pandemia "non pode ser escusa para todo" e critica que o Goberno municipal "xustifique coa pandemia" os seus atrasos para elaborar un proxecto de orzamentos. 

García alerta ademais dunha evolución "moi negativa" no Goberno, "cunha viraxe clara á dereita, que non é resultado da pandemia, senón de que Inés Rey decidiu escorar á dereita e buscar nela apoios" en vez de apoiarse na Marea Atlántica e no BNG. Aliás, García critica que a alcaldesa optara por incorporar no Goberno "a concelleira tránsfuga de Ciudadanos". 

O resultado do Goberno, di, está nunha axenda moi "Pacovazquista: volta ao ladrillo, pelotazo urbanístico (como a construción nas parcelas da Maestranza, as Percebeiras e a evolución dos terreos portuarios), renunciar ao laicismo no Concello...". 

O BNG quere facer da  Coruña motor económico da Galiza

No BNG fan unha valoración crítica da primeira parte de mandato. "Hai moito que mellorar e moito que rectificar", di o portavoz municipal do Bloque, Francisco Jorquera. "O Goberno carece de proxecto de cidade", sinala o nacionalista subliñando a súa discrepancia con algunhas actuacións urbanísticas "que retornan a un modelo pasado que na Coruña debería estar superado", como é o caso da actuación prevista nas Percebeiras ou "a ambigüidade" do Goberno a respecto da utilización dos terreos que fiquen liberados no porto interior. "Hai ausencia de política cultural, indefinición a respecto do modelo de xestión dos residuos, en particular no que afecta á planta de Nostián; non hai avances na revisión do mapa de liñas de autobuses e hai unha falta de liderado á hora de articular a área metropolitana", lamenta Jorquera. 

Para os próximos dous anos, demanda que as políticas municipais contribúan a facer fronte ás consecuencias da crise, priorizando a recuperación económica, o emprego e a loita contra a exclusión social. Pide non voltar ao modelo "Pacovazquista", que especializou a cidade no sector servizos e nos centros comerciais, desatendendo     a industria. Fronte a iso, reclama facer unha Coruña que sexa motor económico da Galiza. 

Comentarios