Os independentistas detidos na “operación Jaro” defenden a legalidade de Causa Galiza

Após seren postos en liberdade o pasado 2 de novembro, os independentistas detidos na “Operación Jaro” compareceron publicamente para defender o traballo do seu traballo político en Causa Galiza.

[Imaxe: Ceivar] Detidos na operación Jaro
photo_camera [Imaxe: Ceivar] Detidos na operación Jaro

Os militantes independentistas puxeron de manifesto nunha rolda de prensa que tivo lugar na mañá do sábado en Vigo que a súa detención no marco da “Operación Jaro” respondeu “á profunda crise que vive o réxime de 1978 e que ten unha ampla fenda aberta co proceso catalán”. Criticaron que o Estado “elixa as vías represivas para cargar contra as formacións políticas legais e independentistas”.

Os detidos, que advertiron de que “nunca se demostrou que fixeramos unha actividade ilegal”, salientaron que “nin a Garda Civil nin a Audiencia Nacional contan con dados obxectivos para determinar que Causa Galiza desenvolva actividades ilegais”.

Os independentistas barallan unha mobilización nacional para denunciar a "ilegalización encuberta" de Causa Galiza

Sobre a decisión da Audiencia Nacional de suspender a actividade política de Causa Galiza durante dous anos, informaron de que contan cun equipo xurídico que traballa na causa, co fin de abrir outra fronte contra o proceso de ilegalización aberto”. A este respecto, afirmaron que barallan unha mobilización a nivel nacional para as próximas semanas co fin de denunciar o “proceso de ilegalización encuberta” de Causa Galiza e para “defender os dereitos civís e políticos” do pobo galego.

Os detidos denunciaron a "tensión psicolóxica permanente” e a “infra alimentación” nos tres días que permaneceron en dependencias da garda civil

Amais, os activistas independentistas aproveitaron a rolda de prensa para denunciaren “a tensión psicolóxica permanente” e a “infra alimentación” á que foron sometidos nos tres días que permaneceron detidos.

En relación ao delegado de Goberno na Galiza, Santiago Villanueva, sinalaron que “realizou funcións de xuíz cando afirmou que se descabezara unha organización terrorista”.

Neste contexto, pediron respecto, pois son persoas cunha “vida civil absolutamente normal, con postos de traballo e familias”.

Reunións con colectivos políticos, sociais e sindicais

Na tarde deste sábado, os militantes independentistas manterán xuntanzas con formacións políticas, sociais e sindicais para lles trasladar “o atropelo policial e xudicial” ao que se viron sometidos.

 

Comentarios