Independentistas de base compareceron este sábado en Compostela ante San Martiño de Bonaval, último punto de resistencia dos sublevados na revolución galega de 1846, para anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional no Día da Patria Galega, 25 de xullo. Unha mobilización na que convidan a participar a todas aquelas persoas que acrediten na independencia como a ferramenta “para que o noso país poida acadar algún día un futuro digno e libre”.
“O estatuto do 81 naceu sen apoio popular e morre sen pena nin gloria”
As convocantes anunciaron que ao longo das vindeiras semanas realizarán en diferentes partes do país asembleas abertas e palestras, así como outro tipo de actos, para socializar esta mobilización, que partirá ás 12:30 horas da Alameda compostelá baixo o lema 'Pola Independencia nacional. Contra a represión e polas liberdades democráticas plenas”.
Independentismo sociolóxico
A articulación política-organizativa do espazo explicitamente independentista galego reduciuse ao mínimo, indican, após a ilegalización de Causa Galiza epola Audiencia Nacional e a disolución doutras organizacións, como Nós-Unidade Popular ou AMI. Porén, “o independentismo é unha realidade social sobradamente enraizada” no país, afirman. E é desde esas bases independentistas desde as que se fai o chamado a esta mobilización no 25X. “É tempo de pórmonos en pé”, animan, e inciden en que "rachar amarras" con España é a “única estratexia” para reverter o presente “de desemprego, miseria, avellentamento e emigración”.
“Galiza vive unha situación límite para a súa supervivencia (...) por decisións tomadas en España e a UE e como consecuencia da falta de soberanía política”
Neste sentido, consideran que a vía estatutaria está esgotada, así como as formacións “que fiaron as expectativas desta nación ao xogo electoral e xestión do marco autonómico”, e fan un balanzo destes 40 anos de marco autonómico como “abertamento negativo”. Citan o empobrecemento do país, a sangría migratoria, o “espolio” dos recursos ou o risco de desaparición da identidade nacional como exemplos dese “fracaso”. Así, din, “o estatuto do 81 naceu sen apoio popular e morre sen pena nin gloria”. Esgotado o tempo autonómico, as aspiracións de “liberación nacional e social” débense concretar na aposta na independencia, “por riba de ambigüidades crónicas” e “de comodidades”, como única garantía para "abrirmos un tempo de esperanza para este país".