Luís Villares, portavoz de En Marea

“A independencia non está na axenda de Galiza”

Luís Villares, portavoz de En Marea, di defender a necesidade de modificar a constitución española para incluír o dereito a decidir, aínda que rexeita a independencia de Galiza.

1511084385_474134_1511085029_noticia_normal
photo_camera [Imaxe: Cadena Ser] Luís Villares

“Non, iso non está na axenda do noso país, nós aspiramos a que se nos recoñeza o dereito a tomar decisións para poder vivir mellor”. Así respondeu Luís Villares, portavoz de En Marea, cuestionado en relación á independencia da Galiza, nunha entrevista emitida na tarde do domingo por Radio Galicia-Cadena Ser.

Aínda que rexeita a independencia de Galiza, Villares aposta en tratar Galiza como “nación” e en “permitir un espazo competencial que nos permita facer políticas sociais para que a xente viva mellor”.

Alén do debate sobre o modelo territorial, o portavoz e deputado de En Marea defendeu a flexibilidade do partido instrumental, no que admitiu diferenzas entre as forzas políticas que o integran. Villares minimizou estas discrepancias e avogou por que en En Marea “colla todo o mundo”. “Á xente non lle importan as nosas diferenzas, o que lle importa é que nos poñemos de acordo no básico, e ese básico é En Marea”, engadiu.

Na mesma liña, puxo de manifesto que no seo de En Marea “non sobra ninguén”. “O que busque diferenzas ten que saber que o fundamental é rexenerar o país, e para iso fai falta moita xente”, salientou.

Alcaldes das mareas

Ademais, asegurou que ten boa relación cos alcaldes das mareas, con todos, “non falta sintonía cos alcaldes, todos compartimos unha serie de valores que poñemos en común no espazo de En Marea, cos 20 alcaldes que forman parte da confluencia”. Por outra banda, sinalou que as mareas municipalistas “teñen moita máis autonomía que un partido convencional”.

Por último, subliñou que En Marea ten boa interlocución con PSdeG e BNG, “creo que iso é bo, nós cremos que é necesario acadar puntos de acordo nos asuntos fundamentais. É necesario que a sociedade vexa que hai unha alternativa ao PP”.

Comentarios