Sondaxe de La Vanguardia

O Si gañaría o referendo independentista do 1 de outubro

A enquisa de GAD3 para o xornal catalán aponta que 54% dos cataláns están dispostos a participar na consulta. O Si á independencia (42,5%) gañaría por cinco puntos ao Non (37,6%).

catalunya

A tres meses do referendo independentista convocado pola Generalitat máis da metade dos cataláns (54%) están dispostos a participar na consulta, unha votación na que gañaría o Si á independencia de Catalunya (42,5%) por cinco puntos de diferenza sobre o Non (37,6% dos votos). Estes son algúns dos dados que se recollen na enquisa que La Vanguardia publica este domingo 2 de xullo. A independencia é a opción inmensamente maioritaria nas forzas soberanistas. Mais tamén votarían a prol da independencia nese referendo 38% das persoas que din apoiar Catalunya en Comú e 15% das que votan PSC.

62% das persoas consultadas pensa que o goberno español debería permitir a consulta unilateral no canto de ir aos tribunais. A carta represiva do Estado ten entre os cataláns 16,6% da apoio á xudicialización, mentres que 10,8% apoiaría a suspensión da autonomía catalá.

A sondaxe, realizada por GAD3 entre o 23 e 29 de xuño, tamén aponta que case 72% das persoas enquisadas están a favor de que se poida convocar un referendo independentista por 24,4% que non. É dicir, 3 de cada 4 cataláns son partidarios de que poida haber unha consulta que lles permita decidir sobre a independencia de Catalunya. Un 58% das persoas consultadas son partidarias de que ese referendo sexa acordado co goberno central mentres que 38% aposta nunha convocatoria unilateral. Porén, e como sinalamos anteriormente, a porcentaxe de cataláns dispostos a participar no referendo unilateral do 1 de outubro é maior, 54%.

Unha cita coas urnas, a do 1 de outubro, que a maioría dos enquisados nesta sondaxe de La Vanguardia cren que acabará realizándose (47,6%), mentres que 26,3% consideran que non vai poder facerse e que será substituído por unha mobilización. Os que opinan que haberá unha oferta de negociación do goberno español que paralizará a consulta son 11% dos consultados, mentres que 6% afirman que a Generalitat renunciará ao referendo cumprindo decisións xudiciais.

Comentarios