Incendios: o PP rexeita a petición de comparecencia de Feijóo que lle demandaban BNG e PSdeG

Non hai caso. Feijóo non ten por que ir ao Parlamento a explicar a xestión da Xunta durante a vaga de incendios forestais. Iso é o que pensa o PP, que rexeitou esta quinta feira as peticións de comparecencia formuladas por BNG, PsdeG e grupo mixto. As cousas foron pior en Portugal, veu argumentar Pedro Puy.

depu
photo_camera Un momento do debate

Non hai motivo para Feijóo comparecer, o dispositivo de prevención e extinción de lumes funcionou "razoabelmente ben" e as cousas foron ben piores en Portugal, onde ardeu un maior número de hectáreas no mesmo tempo. Ese foi o núcleo da argumentación coa que Pedro Puy construíu o seu discurso na Deputación Permanente para rexeitar as peticións de comparecencia de Feijóo de BNG, PSdeG e grupo mixto.

A portavoz do PSdeG, Patricia Vilán, após denunciar que en 11 días de agosto arderon un total de 9.000 hectáreas na Galiza, criticou que "non hai prevención nen protocolos específicos para extinción nen equipas de alta tecnoloxía".

Por parte do BNG interveu no debate a súa portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, quen demandou unha "mudanza estrutural" das políticas anti-incendios do goberno galego. Pontón cualificou de "falta de respeto a todos os galegos e galegas por non dar a cara" a decisión de Feijóo de non comparecer no Parlamento e acusou o titular da Xunta de "aplicar políticas que favorecen a vaga de lumes".

As políticas de recortes nos servizos públicos ao final teñen consecuencias, argumentou a portavoz nacionalista e como consecuencia "moitas persoas sentíronse soas cando o lume pasaba por diante das portas das súas casas".

Engadiu: “Era importante que Feijóo estivera aquí ou que se aceptara a súa comparecencia para explicar as razóns polas que foi desmantelada a Unidade do Servizo de Extinción, por que foron reducidas as franxas para as vivendas e vías públicas, por que se reduciron os servizos de prevención ou por que o Partido popular continúa cun modelo forestal ao servizo dunha transnacional como é ENCE”.

Na quenda de AGE interveu o parlamentar Antón Sánchez, número 1 de En Marea por A Coruña ao Parlamento da Galiza o 25S. O tamén coordenador nacional de Anova exemplificou o fracaso das políticas de prevención de incendios da Xunta no feito de que as Sociedades de Fomento Forestal, criadas polo executivo Feijóo, en dúas lexislaturas apenas foi quen de xestionar "800 hectáreas", isto é, o "0,001 da superficie forestal da Galiza.

"A este ritmo, tería que haber 1.000 lexislaturas máis para ordenar o monte na Galiza", concluíu.

Ningunha das críticas da oposición foron consideradas por un Pedro Puy que se limitou a proclamar que o mes de xullo foi un dos máis secos en décadas.
 

Comentarios